Fonteboa pon en marcha un proxecto para usar drones en tarefas agropecuarias

Cristina Viu Gomila
Cristina viu CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

ANA GARCÍA

SOMOS AGRO | Os alumnos de ESO do centro coristanqués aprenderán a montar os aparellos e a utilizalos

29 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Empezou o venres cunha xornada informativa e seguirá con talleres de montaxe porque o proxecto de Fonteboa para a aplicación de drones para a agricultura terá continuidade porque se trata do futuro. Así o explicou o profesor José Manuel Campos no programa de radio Voces do Agro, onde avanzou os obxectivos da actividade incluída no programa para capacitación dos mozos que financia a Xunta. José Manuel Campos explicou que é fundamental que os alumnos de hoxe coñezan as novas tecnoloxías e a súa aplicación nas actividades agropecuarias, onde xa se utilizan en forma de robots de ordeño ou de sistemas de alimentación automática. Os drones estarían nesta liña e aínda que na zona apenas son habituais si se poden atopar en viñedos.

O docente de Fonteboa explicou que calquera produtor con máis dunha hectárea de terreo, mesmo repartido en varias leiras, podería ser un usuario interesado, se ben aínda é moito o que poden cambiar estes aparellos a forma de traballar nas granxas e é aí onde poden entrar os que hoxe son alumnos do centro coristanqués, posto que moitos deles poden chegar a ser usuarios cando se fagan cargo de explotacións. Vendo a velocidade á que se realizan os avances tecnolóxicos, é probable que cando rematen os estudos os mozos que asistiron á primeira clase o venres xa haxa unha nova xeración de drones.

Radio de acción

Nela confía José Manuel Campos. Asegura que non tardarán moito en ter un radio de acción de máis de cinco quilómetros e que mesmo poden traballar sen ser pilotados, de modo que todos os días terían capacidade para escanear os cultivos e detectar necesidades ou carencias neles. Mesmo sería posible que chegasen a aplicar tratamentos.

O docente aclarou en Radio Voz que estes aparellos suporán un gran aforro de tempo para os agricultores e gandeiros mesmo da zona.

Para José Manuel Campos trataríase de «unha ferramenta de traballo» e iso é o que intenta inculcar aos estudantes, moitos dos cales poderán aforrarse «patear toda a leira» para comprobar a situación en que se atopan as plantacións. Afirmou que podería ser especialmente interesante a aplicación dos drones nos campos de millo e de patacas que hai na Costa da Morte.