Pazos é o paraíso dos petiscos

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

ANA GARCIA

O domingo ao mediodía é o prato forte con 300 ou 400 persoas en tan só un dos catro locais que existen

25 ene 2020 . Actualizado ás 15:00 h.

Pazos pasou de ser unha zona de paso pola súa boa localización no Concello de Ponteceso a converterse nos últimos anos en punto fixo de tapeo para moitos veciños da Costa da Morte. E non sacando o moedeiro para pagar a tapa, precisamente. Aquí os petiscos sérvense gratis, como en boa parte dos negocios hostaleiros, coa única diferenza de que son especiais por moitos aspectos. Hai tanta variedade como cores ten o arcoiris, e sobre todo, caracterízanse polo seu gran tamaño. Ademais, hainos tanto ao mediodía como de noite, todos os días da semana. O venres a última hora da tarde, incluso varios locais teñen fixada a xornada do churrasco.

ANA GARCIA

A recta é de pouco máis dun quilómetro. No entanto, os catro bares existentes na parroquia concéntranse en 500 metros. Tres deles son os que máis xente atraen, estes son o Bar Paula e as cervexerías Prinss e O Pazo, e o restante, é un restaurante de comida tradicional, Casa Mosqueira.

ANA GARCIA

«Máis que os pinchos, creo que o éxito estivo en que nos soubemos renovar. Cando fun o primeiro en montar unha cervexería nun pobo de 160 casas chamáronme tolo. Hoxe hai tres locais ben montados, mentres que outros en Buño, Cerqueda ou Xornes, se quedaron vellos», reflexiona Sergio Busto Garrido, de 40 años, propietario de O Pazo, que engade un dato que xa deixa entrever a cantidade de xente que move esta parroquia pontecesana: moita máis que os seus 332 habitantes. «Un domingo ao mediodía, sen esaxerar, pasan 300 ou 400 persoas por aquí». E fala só do seu.

ANA GARCIA

Carlos García Cousillas, de 52 anos, capitanea a cervexería Prinss. Achega outro dato curioso: «O domingo somos nove persoas traballando e aínda non chegamos». Con prezos das consumicións normais (1,70 euros os refrescos e cervexas, e 1,10, o café), asegura que non se lle gaña nada para os petiscos, pero que tampouco se perde: «Como hai tanta xente... Senón non se faría», comenta entre risos. O seu establecemento é xunto co Bar Paula o que o venres á noite serve churrasco gratis en fontes para os seus clientes. «Temos locais modernos e portámonos ben coa xente, e eles fan a ruta. Hai que aproveitar o tirón!», resume.

ANA GARCIA

Así mesmo, asegura que non teñen rivalidades entre uns negocios e outros. Mesma opinión comparte Ernesto Moreira Veiga (45 anos), que dirixe Casa Mosqueira: «Isto é bo para todos, favorece a todo o mundo».

Viven da clientela dos lugares que rodean Pazos, aseguran. «Teño xente de Corme, Malpica, Ponteceso, Buño, Xornes... Incluso de Carballo e da Ponte do Porto. Os de Malpica veñen moito», conta Sergio. Jessica Rama Soutullo (30 anos), que rexenta o Bar Paula, coincide nisto último: «A xente que máis vén é de Mens, Barizo e Malpica. Outros son de Corcoesto». ¡Será por bares na localidade malpicá! O estómago tira máis que a sede.

Os catro establecementos comparten máis aspectos dos contados ata agora. Tres dos catro donos son de Pazos e o mesmo número de propietarios mamaron a hostalería dos seus pais.

Entre os petiscos, ademais do churrasco, que é o prato estrela dos venres á noite, abunda o raxo con patacas, a tortilla, a ensaladilla, a fabada e os callos. Sempre hai dous ou tres para escoller. E a bandexa pasa con cada consumición, un dato a ter moi en conta e que non é habitual noutros sitios. Casa Mosqueira e a Cervexería Prinss tamén serven cocido, mentres que o Bar Paula e a Cervexería O Pazo ofrecen unha carta aínda máis diversa con patacas bravas, carne asada ou bacallau (receita da casa), no caso do primeiro, gambón ou polbo á feira ou mexillóns, no outro.

E isto non é todo. En todos é posible comer, a maiores, racións, bocadillos e, mesmo, pizzas. ¡Pazos é unha festa!