Carballido agarda a chamada do Sepes para a firma do convenio e ampliar o polígono de Tella

Fran Rodríguez / T. Longueira CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Basilio Bello

Cita co Concello | Ponteceso | Aposta por dotar a área industrial de Ponteceso con outros 200.000 metros cadrados máis

15 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, agarda ansioso a chamada desde a dirección xeral do Sepes, en Madrid, para proceder, o máis axiña posible, á firma do convenio que, segundo el, servirá para pór en marcha o plan de ampliación do polígono de Tella. Unha segunda fase que implicaría a habilitación de 200.000 metros cadrados máis de terreo. Así o confirmou onte durante a súa intervención no programa Cita co Concello de Radio Voz Bergantiños: «Xa hai un novo Goberno e temos solicitada unha entrevista cos novos responsables do Sepes para poñer en marcha a ampliación do polígono». Lembrou que ademais das bonificacións fiscais, o Concello porá diñeiro do seu peto «para que os empresarios aposten por quedar e instalarse en Tella». Pero o rexedor aproveitou a visita a Radio Voz para falar doutros temas de actualidade.

Circunvalación. «Independentemente do que pidan outros concellos, Ponteceso e Malpica uníronse nunha proposta para reducir a viaxe entre 15 e 25 minutos con Santiago, Lavacolla, Ordes e o sur de Galicia». Por iso avogou por empezar a obra polo tramo sur de Carballo. Tamén quere que o viario entre a rotonda de Buño e a de Punta do Leste teña dous carrís en cada sentido da circulación.

Instalacións deportivas. Ademais de confirmar que os traballos no Cairo e O Pinguel están na súa recta final tras acometer o Concello un investimento de 700.000 euros, o rexedor apuntou outras instalacións de lecer e deportivas como unhas porterías de fútbol na praia na Arnela, un parque infantil nesa zona, a posta en marcha dunha pista de pádel municipal nas Forcadas e unha pista calistenia. De forma paralela avanzou que o Concello prevé dotar o centro urbano de Ponteceso dunha gran área deportiva e recreativa e para iso agarda que Costas libere uns 6.000 metros cadrados no paseo fluvial para a habilitación deses equipamentos.

Orzamento. Con respecto ás contas públicas deste 2020, García Carballido sinalou que o gran investimento previsto será o novo sistema de iluminación pública municipal, con iluminarias led, orzada en 2,5 millóns, dos que o Concello achegará medio millón, «sen que iso supoña un endebedamento do Concello», argumentou. Falou dun «gran esforzo» na aposta polo aforro enerxético sen que iso supoña un gasto adicional ás arcas públicas, senón todo o contrario: «O aforro previsto, unha vez descontado o custe de mantemento, roldaría entre os 100.000-120.000 euros anuais».

Traída de Corme. A primeira fase da obra é inminente ao asinarse este venres o contrato. Procederase así á supresión da tubaxe principal de fibrocemento na zona das Forcadas e á creación dunha senda. Tamén dixo que prevé sacar a licitación o ciclo da auga nun prazo máximo de seis meses.