O Corme quitoulle o primeiro posto ao Ponteceso

M. R. CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

BASILIO BELLO

Segunda Galicia | O Muxía venceu aos da terra de Pondal

26 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Cinco xornadas consecutivas levaba o Ponteceso sumando de tres en tres na Liga dá Costa, o que lle permitiu ser líder durante ese tempo. Pero na última disputada, contra un rival directo como é o Muxía, rompeu a boa serie. Caeu derrotado por 2 a 3. Pola súa banda, o Corme venceu ao Baíñas por 0 a 3 (este último equipo quedou sen un dos seus referentes, Baba, desde o minuto 60). Así, pois, os cormeláns pasan a ocupar o primeiro posto, aínda que con só dous puntos de vantaxe respecto dos seus veciños.

O Esteirana venceu ao Castriz por 2 a 0. Este último conxunto sufriu a expulsión dun dos seus xogadores no 64. Moi disputado foi o Malpica-San Lorenzo, que se resolveu a favor dos visitantes no último suspiro: 3-4. Os malpicáns quedaron sen Aitor Vilas no 80.

O Muros-Sporting Zas rematou 4-1; o Buño-Coristanco, 0-3; e o Lira-Cerqueda, 0-2, con dobrete de Iván Rojo (un de penalti). Pola súa banda, o Cee goleou ao Cabana (8-4) con póker de goles de Ezequiel e triplete de Bruno, ademais do tanto de Leo. Buño e Sporting Zas seguen pechando a clasificación por esta orde.

No grupo coruñés, o Queixas salvou un punto no último suspiro rente ao Santa Cruz (2-2). Pola súa banda, o San Martiño encaixou os dous goles da derrota a domicilio contra o Visantoña en apenas dous minutos na segunda parte (do 73 ao 75). No entanto, sae do descenso. Os dous rivais dos equipos cercedenses eran directos na zona baixa.