O Partido Popular pontecesán peca de novato

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana Garcia

Os puntos do pleno extraordinario pedido pola oposición non puideron tratarse por erros de formulación e trámite

14 ago 2019 . Actualizado ás 16:19 h.

O mandato arrincou en Ponteceso cun sonoro erro da oposición que lle custaron máis de 1.000 euros aos contribuíntes e fixo perder o tempo a funcionarios e concelleiros. Os edís do PP, novatos todos eles, non deberon ser asesorados polos que encabezaron a lista e abandonaron polos malos resultados e o concelleiro de APIN, Pose Verdes, non foi quen de expor a súa experiencia en materia de xestión municipal.

Cinco asinas, do PP e de APIN, pediron o día 22 de xullo un pleno extraordinario para tratar tres asuntos: o cumprimento da lei contra incendios, a baixada do IBI ao 0,4 e unha redución do ICIO do 2 %. Sete días despois celebrouse o primeiro pleno ordinario do mandato e ningún destes temas saíu a relucir.

O alcalde, Lois García Carballido, convocou para onte pola mañá a sesión, pero non serviu absolutamente para nada, porque tanto o secretario como a interventora defenderon que os asuntos non podían tratarse, posto que na convocatoria non se incluíu a argumentación necesaria, os temas non foran abordados en comisión informativa e tampouco se achegaron os datos económicos que debían acompañar á proposta de rebaixa tributaria.

Tres temas

Os tres temas podían ter sido incluídos como mocións, rogos e preguntas na sesión ordinaria, pero en lugar diso, a oposición decidiu pedir un pleno polo que hai que pagar 100 euros a cada concelleiro sen dedicación e no que non se resolveu absolutamente nada.

Someteuse a votación a inclusión na orde do día dos tres asuntos e o PSOE coincidiu co ditame dos funcionarios e opúxose, en tanto que o PP nin sequera votou, aínda que o secretario o contabilizou con abstención, o que aínda fai máis raro o asunto, xa que nin sequera apoiaron os temas que eles mesmos propuxeron,

Daniel García Cotelo, o portavoz popular, mostrouse moi preocupado polas tallas que quedan por facer no municipio, sobre todo na contorna de vivendas. Criticou a actitude do alcalde, do que dixo que só quixera quedar ben e parecer «demócrata» deixando falar sobre o tema, pero sen incluílo na orde do día.

Pola súa banda, o rexedor lamentou a perda de tempo e a forma de actuar do PP ao solicitar un pleno sen preparación algunha. Recoñeceu que os edís populares son novatos, pero dixo non comprender a actitude de Pose Verdes, de APIN, que formou parte do goberno local e que previamente estivera na oposición co PP, precisamente.