Ponteceso acole este sábado 20 de abril a súa primeira Feira do Libro

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

ANA GARCIA

Diana Varela, Suso Lista, Miguel Anxo Mato ou María Suárez asinarán exemplares dás súas últimas obras

19 abr 2019 . Actualizado ás 21:10 h.

Coa idea de promover a lectura e de achegar o mundo dos libros á cidadanía, o departamento de Normalización Lingüística de Ponteceso, dirixido polo edil Carlos Penedo, vén de anunciar a posta en marcha da primeira Feira do Libro na localidade. Coincide en datas sinaladas, dado que este 21 de abril conmemórase o Día do Libro. 

«Tendo en conta que vivimos en terras de Pondal e que contamos a día de hoxe cun importante número de escritoras e escritores locais, pareceunos interesante dar este primeiro paso cara a consolidación do que, agardamos, sexa unha nova cita coa cultura e a literatura dentro do noso concello, porque hai grandes libros no mundo e grandes mundos los libros», asegurou Penedo. Varios creadores locais xa confirmaron a súa presenza, así como a editoral Caldeirón, ademais da librería A Tenda dos Libros e Profeshop Books. 

E cando será a proposta? Este sábado 20 de abril, a partir das 18.00 horas, na Praza do Recheo, onde ademais se agarda moi bo ambiente dado que se está celebrando a segunda Festa Marisqueira. Diana Varela, Miguel Anxo Mato, María Suárez González (imaxe superior) e Suso Lista estarán asinando exemplares das súas últimas obras a quen se achegue.