Letras, ciencias e artes para festexar as 37.ª Festiletras no berce de Pondal, en Ponteceso

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

BASILIO BELLO

Do 12 ao 19 de maio, a Aldea do Couto acollerá a meirande celebración dás Letras Galegas

14 abr 2019 . Actualizado ás 21:58 h.

Letras, ciencias e artes son o sustento das Festiletras do Couto, en Ponteceso, berce de Pondal. Do 12 ao 19 de maio celebrarase a 37.ª edición do que entrega tras entrega definen como milagre, un encontro que Neira Vilas tiña denominado a meirande celebración das Letras Galegas en Galicia. Son moitos anos «facendo camiños», tal e como inciden dende a organización, asumida pola histórica entidade Monte Branco e mais pola Fundación que leva o nome do bardo. Serán oito días de actos nos que institucións como a Xunta, a Deputación e o Concello, así como a RAG, o CGAC ou o Consello da Cultura Galega, entre outras entidades, poñen un gran de area para converter o festival desta pequena aldea nun referente.

Máis alá dos concertos -está confirmada a presenza de Rodrigo Romaní, Marisa Valle Roso, Rosa Cedrón, Emilio Rúa, Mercedes Peón, Ezetaerre, Terbutalina, Che Sudaka ou Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, por citar algúns dos nomes-, das voces contadas (véxase Celso Fernández Sanmartín, Marilar, Fina Casalderrey, Freixanes) e das investigadoras (non deixará de pasar por alí Ángel Carracedo), as Festiletras labran sempre vocación de futuro. Máis de mil alumnos teñen fidelizada a súa presenza neste encontro, no que se celebrará unha nova edición do Festiciencia e no que se consolidan propostas como as Literatas ou o panel de Aldeas Singulares -que devén na primeira Feira Agroalimentaria-: xuntos fan país.

A entrega dos premios Bos e Xenerosos a Isabel Aguirre, Miguel de Lira, Rosario Álvarez e Carlos Blanco abrirá o programa de actos o domingo 12.