García Carballido anuncia o peche do 2018 en Ponteceso con marca de recadación

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana Garcia

Para o rexedor este dato é indicativo dunha boa «saúde económica» do Concello

16 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O rexedor de Ponteceso, Lois García Carballido, trasladou onte que a Intervención Xeral do Concello presentou á alcaldía un avance da liquidación do 2018. Bateuse, indica, «un récord histórico de recadación» grazas ás subvencións e ao remanente de tesourería, «tamén de récord, de 1,578 millóns». Lembra o mandatario que, ata o 2016, o remanente de tesourería sempre era negativo e que, agora, a pesar de ter conxelados os impostos e taxas municipais desde inicio do mandato, a recadación subiu aos seis millóns.

«A boa saúde económica é a nota do exercicio, pois o remanente de tesourería está en positivo con 1.091.512 euros. Os fondos líquidos a 31 de decembro do 2018 eran de 1,58 millóns», incide o rexedor. Explica, ademais, que o Concello amortizou no 2018 «débeda municipal herdada dá era de José Luís Fondo» por valor de 530.000 euros. «O goberno actual non subscribiu ningún préstamo nin operación de tesourería», engade. García Carballido quixo facer fincapé, por outra banda, no esforzo destes tres anos e, sobre todo, no esforzo por deixar un Concello saneado, na necesidade de liquidar a débeda municipal: «Sen ter que amortizar débeda, podíamos manter o gasto de 6 millóns e aínda ter 251.700 euros de superávit. ¡Cantas obras podíamos facer este ano con eses 530.000 euros». Avanza, finalmente, que todos os fondos do concello no 2019, «van ir a gasto social e investimento»: «Acabouse dedicar medio millón a pagar débedas, os veciños vano notar en obras e servizos».