«Pasamos a xornada a quendas para permitirmos ter xente de máis lonxe»

La Voz

PONTECESO

17 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A granxa A Devesa, de Langueirón, é un das maiores da zona e xa que logo, a que máis empregados ten e necesita. O persoal está formada por 9 traballadores, aínda que por mor dunha baixa médica e unha redución de xornada por maternidade están baixo mínimos. Xusto Sánchez é o socio que se ocupa do persoal, que traballa a quendas. Para estar cómodos necesitarían un traballador máis, pero non o atopan. A falta de persoal obrigoulles a facer máis atractivas as condicións laborais. «Pasamos a xornada a quendas para permitirmos ter xente de máis lonxe», explica. Ademais, os traballadores libran dous días á semana. Así mesmo tiveron que ser flexibles no que se refire ás necesidades dos empregados. «Temos unha muller que deu a luz e ten media xornada porque non hai prazas de gardería nin en Ponteceso, nin en Cabana nin en Malpica. A prioridade é o rapaz e temos que adaptarmos», explica Xusto Pose. «Co calendario rómpome un pouco máis a cabeza para dar flexibilidade», engade. Habilitaron unha zona para almorzos e mesmo, cando hai necesidade, ofrecen comida, ademais da xornada máxima que marca a lexislación.

Para facerse con persoal, Xusto Sánchez, acode aos servizos de colocación municipais. Está contento cos de Cabana e Ponteceso e moi descontento co Inem. «Cando pedín na oficina de Carballo ofrecéronme exactamente ningún», aclara.