Entre as peonzas, o humano e a máquina

Patricia Blanco CIDADÁ

PONTECESO

07 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A substitución do ser humano polas máquinas non é un asunto novo e xa no seu día tivo protagonizado algunha que outra revolta, por chamalo así. Semella ás veces que elas gañaron a batalla, en produtividade, quizais, ou en pouco queixarse, ben seguro. Un é un número dunha pantalla na sucursal bancaria ou tamén en salas de espera onde o que menos se querería é ser iso, precisamente unha cifra, unha estatística, parte dunha porcentaxe que ás veces se usa para dar esperanzas cando todo parece que se derruba. En grandes cadeas de roupa uno xa se cobra a si mesmo e ocorre tamén noutras superficies onde un ser humano ha de contar despois que o número que pon a máquina sexa o correcto. Que ironía, porque parece dubidoso o adianto. En fin. Con todo, aínda quero crer que é o ser humano o responsable de que as cousas vaian rotundamente mal ou rotundamente ben. A implicación persoal, o facer dun proxecto algo vital non é cuestión que estea ao alcance dos monitores.

Nunca unha terminal podería comunicar como o fai o xerente do Museo Etnolúdico de Ponteceso, o Melga, o ben que han ir as exposicións O peón nas Belas Artes e as Peonzas do mundo, clausuradas o pasado luns. Ata 651 visitas contou Ricardo Pérez e Verdes, máis que as do ano anterior: particulares, asociacións e centros escolares. As dúas aumentaron. A primeira, colección privada súa, en 52 incorporacións sobre pinturas históricas de diferentes etapas, sobresaíndo as dos séculos XVIII e XIX e algunhas de civilizacións asiáticas. A segunda, de Charo Español e Anxos Lence, en 80 pezas, moitas de América e outras tuneadas. «É unha proba evidente de que estamos a consolidar, ano tras ano, estas exposicións que son un acicate máis para celebrar o San Martín, patrón de todos os peonceros», conta Pérez e Verdes. Lendo o seu comunicado, un parece oílo exultante comunicando que conseguiron para o ano a incorporación de Luis Ramos, quen comprometeu a súa colección privada para engrosar a exposición. Queren chegar aos mil «artefactos giroscópicos» e acadar a marca. Concello, Deputación, Patrimonio Lúdico de Galicia e Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais colaboraron para que Ponteceso fose o centro neurálxico «do Día de Galicia do Pon en movemento o teu peonza». Festipopeóns tivo como mascota a Buxainciño .

Talvez o entusiasmo que pon Pérez e Verdes cando guía as visitas explica por que hai grupos que repiten no seu museo, como tamén pasa no da Pesca de Fisterra con Alexandre Nerium. Ningunha máquina podería esbozar o sorriso que el pon cando deixa ao visitante pampo. Talvez haxa futuro humano.