«Ao principio choraba moito, pero co tempo heime feito forte»

Cristina Viu Gomila
Cristina viu CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

ANA GARCIA

Persoas con historia | A última historia de Ana Nipo é a de Colitas, unha cadela que levaba polo menos un ano na rúa e cuxas gravísimas lesións estremeceron Facebook

01 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«Máis de 3.000 persoas viron o vídeo de Colitas nas redes. Gravamos o que facemos porque é a forma de demostrar para que vai a axuda que nos dan. Ás veces non é agradable, pero a xente quere ver probas». Ana Nipo, como é coñecida en Facebook, fala da última vida que logrou cambiar. Esa historia e outras decenas parecidas remataron por conformar a súa propia que comezou fai algo máis de vinte anos cando empezou a ver por si mesma a situación dos animais que están na rúa.

Preto de onde traballa había unha colonia de gatos, famentos e enfermos, e comezou a coidalos e a alimentalos, «aínda que non se pode», comenta con sorna. Na súa familia sempre houbo animais, pero recoñece que na súa adolescencia non lles prestaba demasiada atención. Agora, a recollida de rueiros forma parte da súa actividade diaria.

Foi un longo percorrido con «moitas cousas boas, aínda que a maioría, malas», aínda que, iso si, «case todo con final feliz». Empezou na protectora Amigos dos Cans, de Bértoa. Foi un inicio duro. «Ao principio choraba moito, pero co tempo heime feito forte», explica.

A súa primeira historia foi a de Espe, á que atopou comida polos vermes, pero que se recuperou, de aí o seu nome. A última é a de Colitas, tras a que levaba moito tempo, ata que o animal caeu na trampa. Onte foise adoptada para Santiago. «Facía polo menos un ano que unha muller e a súa filla pequena dábanlle para comer, pero o animal non se deixaba coller. Varias veces intentárono sen resultado. Tiña tan enmarañado o pelo que á nena lle pareceu que tiña varias colitas e bautizouna así», explica. Cando finalmente a atraparon déronse conta de que era unha femia e que tiña unha espantosa e podrecida ferida o pescozo. O pequeno colar que levaba, de cachorro, habíaselle ido cravando na carne ata o punto de que non se vía desde fóra. O animal está recuperado grazas aos coidados da veterinaria da clínica Ponteceso, e ás doazóns recibidas.

A noite na que finalmente caeu Colitas para emprender unha nova vida chovía e facía moito frío. «Sandra e eu estabamos conxeladas, sucias e mal vestidas. Paramos nun bar a recuperarnos cun café. Gustounos pasar a tarde alí, en lugar de capturando unha cadela, pero pensei en Colitas na gaiola, dentro do coche, e sentinme moi ben», explica.

Outra das historias de Ana Nipo é a de Silvi, unha cachorra que xa teñen unha familia adoptiva. A súa nai é un caso pendente aínda, como tantas na lista de espera persoal de Ana Nipo, que seguirá na fenda «ata que o corpo aguante».

As capturas adoitan realizarse de noite, cando, en teoría, todo o mundo dorme, pero non sempre é así. «Non che imaxinas as cousas máis bobas que poden chegar a ver», di rindo. Neses percorridos e longas esperas adoita acompañala Heidi, «a miña filla perruna», unha abandonada de 10 anos que sofre varias enfermidades, polo que agora non a axuda nos rescates.

Neste tempo, os cans aos que axudou só lle fixeron algúns rasguños, «a causa do medo», explica. Dentadas só de gatos, pero en dúas ocasións tivo que ir a urxencias e todo por ir rápido e non saber «como manipulalos».

«Saquei a FP de noite porque aspiro a máis e estou a preparar oposicións»

Ana Suárez naceu hai 46 anos en Carballo. Tras acabar no instituto tivo varios empregos e hai dous anos rematou un ciclo de auxiliar de enfermería. «Saquei a FP de noite», explica. Tras saír do seu traballo ía ao instituto a Coruña, labor que compatibilizaba co rescate de animais. «Non durmo moito», recoñece. Agora prepara oposicións. «Aspiro a máis, como todos», explica e o que realmente quere é ser funcionaria, traballar nun hospital.

Co tempo chegou a formar unha comunidade en Facebook, unha rede de colaboración na que se envorca porque é o modo de chegar a todas partes. «Se difundes chegas a moitos muros e nalgún haberá alguén que poida namorarse do animal», explica.

Pero nada é doado. Primeiro hai unha conversación a distancia co interesado, pero é necesaria unha entrevista persoal para que Ana Nipo entregue a un can rescatado. Neste encontro é preciso que o adoptante acepte as condicións que son o chip, as vacinas e a castración.

Critica a nova lexislación de benestar animal porque considera que a única vantaxe que ofrece é o sacrificio 0 e quéixase da pouca axuda que reciben das institucións. «Mandan avisos de que se dás para comer aos animais que viven na rúa vanche a multar, pero non fan nada contra os malos tratos nin o abandono e tampouco pola seguridade. Hai polo menos unha semana que hai en Razo dous cans grandes na estrada. Non se preocupan nin polos animais nin polos accidentes», sinala. Tampouco está de acordo con donos irresponsables. «Din que o can sabe volver, pero nese tempo puido provocar e accidente ou preñar unha cadela», sinala.