Identidade.é

josé ramón varela

PONTECESO

BASILIO BELLO

En primeira persoa | José Ramón Varela é veciño de San Sebastián e con pais de Corme, un lazo que nunca perdeu

14 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai xa algúns anos, durante a sobremesa dunha comida familiar, un dos meus fillos preguntoume: «Aita (papá), cando morras, onde desexas que che enterremos, en Corme ou en San Sebastián?». Nunca pensara nese tipo de preferencias. Con todo, a miña resposta foi inmediata: «Non quixese que andásedes co meu corpo coma se fose unha alma en pena: se morro en Corme, quero que me enterredes en Corme, e se morrese en San Sebastián, enterrádeme en San Sebastián; que sexa a propia morte quen decida o lugar onde debo descansar».

Ata hoxe tiña esquecida esta vella conversación, pero neste momento en que che relato estes retrincos das emocións contraditorias da miña existencia, algunha neurona hase acendido e emerxeu este recordo.

Nestes últimos anos, nas miñas estancias en Corme reiteradamente algún amigo, algún coñecido e, mesmo, algún descoñecido, preguntáronme onde nacín realmente. Ao principio dáballes unha infinidade de explicacións para saciar a súa curiosidade; hoxe abóndanme tres palabras para resolver o tema. Non creo que teña a máis mínima importancia onde nacín. Un non é de onde nace, nin tan sequera é de onde pace, un realmente é de onde os demais o encasillan. E é que un dos estigmas de pertencer a unha familia de migrantes é vivir permanentemente coa impresión de non ser de ningunha parte, unha especie de nómade ou apátrida.

Curiosamente en San Sebastián os meus amigos vascos chámanme galego e en Corme, pola contra, os meus amigos galegos chámanme vasco. Esta dualidade de pertenza intúo que é bastante común nas miles de familias que, como a miña, un día tiveron que abandonar a súa terra para probar sorte noutro lugar e alí quedaron.

Foi por mor dunha desgraza -a letal marea negra que provocou o afundimento do petroleiro Prestige- o que me fixo comprender que esta dualidade de identidades non era, como eu pensara e sentido sempre, unha fatal desgraza, senón todo o contrario, un valor do que non moitas persoas teñen a oportunidade de gozar. Naquelas datas, aproveitando a miña posición de directivo da Casa de Galicia en Gipúzkoa, brindóuseme a ocasión de dirixirme aos meus paisanos vascos para motivar e solicitar a súa solidariedade cos meus paisanos galegos. Non me foi mal, xa esquecín todos os froitos que cultivamos, pero si lembro que fun un interlocutor válido para autoridades, medios de comunicación, empresas e organismos culturais pola miña condición de galego e, ao unísono, vasco ou, se o prefires, pola miña condición de vasco e, ao unísono, galego.

Se estou en Euskadi ou estou en Galicia, se o meu interlocutor é vasco ou é galego, gozo por igual dunha conversación amena e intelixente, dun paseo relaxante, dunha comida ou uns viños entre amigos. E moléstame de igual xeito, estea aquí ou alí, ese tipo de persoas, sexan vascas ou galegas, que case sen coñecerche che encasillan, prexúlganche adxectivándoche de vasco ou galego.

Hai quen afirma que só se enchen de orgullo das súas orixes aquelas persoas que non teñen nada máis importante de que encherse de orgullo, xa que a orixe nos vén imposto e non é unha obra propia. Eu non estou de acordo con esa afirmación, para min si é un orgullo ser de Trintxerpe e ser de Corme, ter dúas patrias mozas, sentir esa dobre pertenza que, gústenos ou non, tanto inflúe no modo de manifestar as nosas emocións.

Encántame gozar do atardecer no Cabo de Roncudo, miro ao mar e a ese sol que se despide afogándose no océano. Non sinto tristeza algunha, porque sei que mañá, novamente, como cada día desde fai miles de millóns de anos, o sol volverá alumar mostrándonos que a vida non repara en pequeñeces, que a nosa existencia é moi efémera e tanto dá que sexas vasco ou galego.

Naceu en San Sebastián en 1949. Durante oito anos presidiu a Casa de Galicia de Guipúzcoa, da que segue formando parte na xunta directiva. Xubilado de banca, é directivo da Sociedade Fotográfica de Guipúzcoa. Gran coñecedor da emigración de Corme e de Galicia no País Vasco. Publicou varios libros, entre outros unha Historia de Corme, editado pola Deputación coruñesa. É Excelence da Confederación Española de Fotografía.