«Todo isto nace do amor aos nenos»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

PONTECESO

BASILIO BELLO

ENTREVISTA | Luis Vallecillo, artista de orixe madrileña, presentou onte no Melga o audiolibro «Cantamos?»

01 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Luis Vallecillo González (Madrid, 1976) presentou onte no Museo Etnolúdico de Galicia, o Melga de Ponteceso, o seu primeiro disco-libro (Guindastre Edicións), que leva por título Cantamos?. Responde ás múltiples peticións recibidas a raíz dos seus espectáculos infantís e tamén á demanda das súas fillas. O museo está festexando o seu quinto aniversario, e a intervención de Vallecillo foi un dos actos de celebración.

-De onde vén a súa relación co Melga? Xa lle ten cedido unha canción incluso.

-Porque a parte deste proxecto musical teño a compañía A Xanela do Maxín e un día alí actuando vin o proxecto e todo iso. Despois saíu tamén nunha nova da TVG e paréceme un proxecto moi interesante. Eu no espectáculo Contamos un conto facía cancións temáticas: Magosto, Samaín... O Magosto está moi relacionado cos xogos populares. Mesmo en Madrid recordo que cando comezábamos o cole sacábanse as buxainas, facíanse mariolas, xogábase á comba... Como o museo tiña un apartado de doazóns na web, dixen, por que non lle cedo a canción? Cedinlla e como Ricardo é tan boa persoa e transmite esa enerxía e unha luz tan intensa..., moi agradecido. Como se vén calquera outra persoa ou entidade que teña un proxecto interesante eu non teño ningún problema en ceder dereitos das miñas cancións, sempre e cando sexa por un ben común.

-E o proxecto deste disco?

-A miña filla Carme, que ten catro anos, vía concertos de outros artistas que tiñan o seu audiolibro e nos mercabámolo, asinado e todo iso. E díxome: ‘Papa, e ti non tés disco’. E eu: ‘Pois non, aínda non tiven tempo’. Porque claro, estou criando nelas, que son pequenas, teño funcións, traballo afortunadamente, e non tiña tempo. O que pasa é que os técnicos de cultura cando acababa as funcións e nos coles sempre me pedían: ‘O libro-disco o libro-disco...’ Por iso estivemos practicamente un ano e pico traballando arreo para facer o disco e que quedara ben, que eu quedase satisfeito co traballo. Despois engadímolo dentro dun libro porque nos parecía interesante contar esa historia de Rosi, que é un nena á que eu lle vou ao seu colexio. Sobre todo pola creación de novos públicos que me parece fundamental, porque hai moitos nenos que non ven teatro porque seus pais non os levan. Non teñen ese interese polo motivo que sexa.

-O equipo non é precisamente para saír do paso.

-Sobre todo busquei boas persoas, porque todo isto é un proxecto que nace dende o amor. Efectivamente fixemos libros, hai un imprenta detrás e tentamos vivir disto e dignamente. Entón claro, queriamos facer un bo traballo para que tivese unha boa acollida de público, pero sempre que se transmita ese amor: o amor polo noso traballo, o amor polos nenos... Non facer as cousas de calquera maneira. Blanca [Millán] transmite ese amor na ilustración, Ramón Campos é un tipo apaixonado, que se hai que repetir, repítese. E como nós somos iguais, porque a nosa compañía naceu a base de erros-cursos-traballo, erros-cursos-traballo, traballo, traballo, e de non conformarnos; o libro queriamos que fose un pouco reflexo diso, de dez anos dándolle. A maiores de todo iso, ter a sorte de atopar a Pablo [Pérez Sanmamed], que, a parte de talentoso, é unha boísima persoa que non dá problema ningún.

-Atópalle unha dimensión diferente a este traballo dende que ten as súas propias nenas?

-A sensación é distinta. Non sei como. Penso que vén un pouco de miña nai, que cando está nun sitio e hai nenos van todos a onda ela. Pois a min pásame igual. Ao mellor estou no súper comprando e un neno mírame e teño que facer un chiste, algo, non o podo resistir. Que pasou? Que as fillas me demandan cousas porque eu me dedico a isto. Entón créase unha especie de cousa especial que non sabería como definir con palabras, porque cando te namoras de alguén ti non podes explicar exactamente o por que. Mira que comecei facendo poesía e sigo facendo poesía, pero fáltanme palabras para explicar iso. Si que é unha sensación bonita ver como as fillas gozan coas cancións e co propio proceso é fantástico. Dáme visións distintas, porque estou todo o día con elas e vas cambiando un pouco, ves tamén a visión dos pais. Por iso cando estou cos rapaces son 50 minutos de diversión, de esa ensinanza transversal que se fai doutra maneira, a través do xogo.