A cabana de gando equino reduciuse á mínima expresión

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

PONTECESO

Os criadores de cabalos defenden que son o mellor medio de previr incendios

22 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Coa desaparición da cabana de Picou de Meda, as aproximadamente 70 cabezas de Monte Faro, dous grupos de propietarios particulares en Buxantes e outra pequena manda dunha decena de eguas na Ruña (Mazaricos) é todo o que queda de presenza de gando equino en semiliberdade pola zona. Para atopar as seguintes eguas nun estado que ata non hai tantos decenios era a norma en toda a comarca e en toda Galicia hai que irse xa ata As Paxareiras, na baixada cara a Muros e Carnota.

Obrigacións sanitarias ou de marcado e control, a interacción cos cultivos forraxeiros, a nula rendibilidade económica, o despoboamento rural, a falta de apoio da Administración, os ataques de depredadores,... Absolutamente todo xoga en contra do puñado de románticos que se empeñan en manter a tradición que estes días ten a súa cara máis amable en Rápaa dás Bestas de Vimianzo ou a Feira-Exposición-Paseo de Ponteceso. «Dos cabalos no monte, non sendo na Estrada, onde está levando a cabo un proxecto moi serio, a Xunta non quere saber nada. Xa o tentamos, pero nunca atopamos a ninguén que fose capaz de concienciar que os cabalos no monte fan unha superlimpeza. Evitan moitos incendios», asegura Martín Mato Pose, un dos fundadores da asociación pontecesana, que nun cuarto de século de actividade xa conseguiu logros importantes, como que en moitas casas do municipio cóidense un cabalo ou unha egua. Algo que para Mato Pose é «importantísimo» non só porque lle permita xuntar 197 exemplares para esta cita, senón porque «o cabalo xera limpeza no monte, xera as máquinas que recollen o feo, xente que planta cebada para mantelos... É unha cultura que non debemos desterrar deste país», sentenza.

Son moitos os expertos que comparten esta idea e que, ademais, advirten de que o tempo de tomar medidas contra o abandono esgótase. O propio director xeral de Montes, Tomás Fernández Couto, advirte que en só uns decenios xa nin sequera quedará xente nas aldeas que saiba delimitar de quen son as propiedades. O veterinario corcubionés Chisco Lema, que coñece ben todas as poboacións equinas da zona, apunta que o cabalo é unha cuestión «cultural e tradicional», pero non só iso, porque resulta moi importante para a biodiversidade, porque, ademais, «permite aproveitar zonas rudas e rústicas, nas que comen, rozan, que moi dificilmente se van a utilizar para outro tipo de gandería». Agora ben, tamén entende que as trabas derivadas da translación á lexislación española das normativas comunitarias son verdadeiros muros para os propietarios polo que entende que «a Administración debería establecer algún tipo de excepcionalidade para este tipo de gando en semiliberdade».

O seu colega ceense César Pérez defende unha idea moi parecida que, ademais estende a outras especies porque «co silvopastoreo aprovéitanse os recursos, transfórmanse en alimento e, ademais, foméntase a crianza de razas autóctonas».

Na mesma liña, o catedrático da USC, Manuel Marey, recalca que «o sector forestal non pode ser nin vai a ser a única solución para os problemas do noso territorio. Hai que entrar con vacas, con ovellas, con cabras, co cabalo, que aínda que aquí non se come moito pódese exportar... Debemos xestionar o espazo».

«De 50 bestas en todo ano tivemos seis crías; xa ves, sácache as ganas de seguir loitando»

Adrián Martínez Oreiro, con só 28 anos, está por primeira vez a cargo de Monte Faro, o colectivo que organiza a emblemática Rapa dás Bestas de Vimianzo, e aínda que a ilusión é moita, recoñece que os desgustos, tamén. «E que todo son obstáculos por todos os lados e se non temos apoio ningún isto é inviable. Tés que pór microchips, pagar seguros... Estás todo o ano traballando para, ao final, non levar máis que desgustos», quéixase o mozo que pon un exemplo máis que significativo das diminucións sufridas: «De 50 bestas da asociación que temos no monte, en todo o ano tivemos seis crías, así que xa vés, sácache as ganas de seguir loitando».

O único positivo que destaca Martínez é que, «de momento, o tempo non vén moi seco e de comer si que teñen», porque os pastos no monte aguantan bastante ben. A partir de aí o que queda é o seu empeño por manter unha tradición ancestral, aínda que parece que cada vez máis en contra dos elementos.