Saneamento, augas e vías, pedras angulares do plan de obras do Concello de Muxía

M. L. CARBALLO / LA VOZ

MUXÍA

CONCELLO DE MUXÍA

O goberno local levará a proposta ao pleno de febreiro

26 ene 2021 . Actualizado ás 16:45 h.

O venres da semana próxima a fraccionada corporación muxiana debaterá sobre a proposta do goberno local para gastar a asignación de fondos provinciais correspondentes ao POS+ 2021. Ademais de 157.000 euros para servizos sociais, o Concello recibirá para investimentos outros 467.000 que o executivo pretende gastar nun «ambicioso» segundo plan de obras que complementará ao primeiro, aínda en marcha e valorado en centos de miles de euros.

As actuacións máis inmediatas deste segundo plan de obras foron divididas entre actuacións de «primeira necesidade, funcionais e de ocio», segundo explica o alcalde, Iago Toba. Figuran na listaxe: a compra dunha pa retroexcavadora para, entre outras cousas, manter as cunetas limpas todo o ano; a posta en valor da denominada «Fonte dúas peidos» de Suxo e a construción dunha área recreativa con aparcadoiros e un parque biosaludable; dous parques infantís en Suxo e Senande; arranxo de varias pistas e a extensión da rede de traída de auga a Añobres, Pasantes e Morpeguite, así como a remodelación dos camiños interiores deste último núcleo. Tamén levarán o saneamento a Labexo, que tiña as canalizacións pero sen un enganche de saída, así como a Chorente e Ozón; traballarán na área recreativa do Castro e adaptarán parte dun edificio municipal para mover a gardería, entre outras cousas.

Ademais, o executivo traballa xa nunha segunda fase que incluiría levar a traída da auga a Suxo e remodelar o pavillón para agrupar todas as instalacións deportivas e mover alí o ximnasio municipal, actualmente situado nun local privado.

A sala multiusos A Camposa, o novo xulgado de paz ou as novas instalacións do CIM e a Policía Local , reformas en camiños interiores do rural ou a construción dunha nave para Protección Civil son algúns dos proxectos que xa están concluídos e que se realizaron no primeiro plan de obras, do que aínda quedan iniciativas por executar como: melloras viarias, a construción dun parque biosaludable en Muxía, hormigonados, unha intervención na contorna da Barca ou o saneamento de Trasufre.