Vellos casetos

Carlos Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

MUXÍA

18 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A Lei de Costas trouxo beneficios a Galicia, evitando a súa marbellización, pero como calquera norma totalitaria, tamén produciu moitas inxustizas. Non se pode medir pola mesma rapadoira a costa mediterránea que a nosa atlántica, moito máis rica en singularidades.

Hai varios días derrubaron, sen piedade, uns casetos antigos dos mariñeiros de Fisterra, que talvez non se puideran considerar como fitos da arquitectura, pero que contiñan un inmenso patrimonio inmaterial, o dos mariñeiros da zona, pero tamén eran parte dunha estrutura arquitectónica que formaba parte da historia da nosa costa, tan relevante como as cabrias de Muxía, os secadoiros, os almacéns de salga ou as carpintarías de ribeira.

Logo de 200 anos de presenza na costa atlántica, forman parte do noso patrimonio material que debemos preservar para os nosos fillos e netos, aínda que non teñan unha función arestora. É algo que non entenderon os burócratas que ordenaron o seu derrubamento, e sen eles, a costa queda orfa. Talvez algún alcalde os convenza para facer un paseo marítimo no lugar. Outro paseo marítimo? Pensaba que ese modelo de paseo para turistas e para combater o colesterol dos nativos era unha moda da burbulla do ladrillo, fracasado e caduco, un modelo efémero que algún día o mar levaría consigo, pero parece que aínda late no corazón de algúns mandatarios.

Señores de Costas: nin os salgadoiros nin os casetos son edificacións a derrubar por estar fóra da liña, forman parte da nosa identidade. Aínda que pareza que non serven para nada, ocupan un lugar na memoria do pobo.