Rescatados dous pescadores deportivos de Santiago tras envorcar a súa embarcación en cabo Touriñán

J.V. Lado

MUXÍA

cedida

Desde a auga trataron de chamar a atención dos turistas e visitantes, pero tardaron case dúas horas en ser rescatados

21 sep 2019 . Actualizado ás 23:37 h.

Protección Civil de Muxía e Salvamento Marítimo rescataron a última hora da tarde do venres a dous pescadores deportivos de Santiago que sufriron o envorco da súa embarcación en cabo Touriñán. Un deles atopábase a bordo da lancha pneumática en cuestión, mentres o seu compañeiro practicaba pesca submarin.

Nun momento dado, sobre as cinco e media da tarde, o pescador que estaba mergullado chamou ao seu compañeiro para que o que recollese, pero a embarcación pneumática levaba un rumbo errático e non chegaba ata el. É máis, de súpeto, acelerou a toda velocidade e deu volta de campá sobre si mesma. O home, de 46 anos, sufrira un desmaio e, a consecuencia do envorco caeu ao mar, con todos os aveños que había nela, teléfonos móbiles incluídos.

O submarinista, de 36 anos e con máis de 20 de experiencia, acadou a lancha, tranquilizou ao seu acompañante e, cunha hábil manobra cun cabo, lograron endereitala e subirse nela.

Sen medios para alertar aos equipos de urxencias, co motor inutilizado e mesmo despois de romper o remo que levaban, os pescadores trataron de chamar a atención dos turistas e visitantes que se atopaban gozando do paseo pola zona do cabo. Foi así como estes puideron dar aviso ao 112 e mobilizar aos equipos de urxencias. Con todo, transcorrida hora e media o rescate non chegaba, co que o submarinista máis avezado díxolle ao seu compañeiro que quedase no fondo da lancha para evitar calquera problema si sufría outro mareo, e dirixiuse a nado máis de medio quilómetro ata o faro, onde lle preguntou a un mozo si efectivamente chamaran a urxencias. Díxolle que debían estar ao chegar, porque facía máis de hora e media que chamasen. Volveuse cara á lancha e nese momento foi cando o recolleu a zodiac de Protección Civi de Muxía, xunto coa patrulleira de Salvamento, que os trasladaron a eles e á embarcación ao porto de Muxía, sans e salvos.