Marina Muxía impulsa con forza as velas do turismo e a hostalería local

Juan Ventura Lado Alvela
J. V. Lado CEE / LA VOZ

MUXÍA

Ana Garcia

O porto da localidade xa empeza a quedar sen prazas para iates grandes

22 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«Se se nota? Nótase moito. A mediodía tamén, pero aí as oito-nove da tarde empézanche a vir grupos de franceses, italianos, ingleses... E grupos bos: xente de 50 e pico anos que se poden permitir certas cousas. Por exemplo, este día tivemos uns que ían da zona da Coruña á de Vigo e pararon ao baixar e ao subir». Así resume Manuel Antelo, de , A Casa do Peixeo impacto que ten no seu negocio o bo ritmo que colleu Marina Muxía e a implantación na localidade do turismo náutico. «Todo o que veña: un pouco de peregrinos, un pouco de caravanas, un pouco de iates é bo, porque os invernos fanse moi longos», sentenza.

Unha impresión na que coincide plenamente Álvaro Rodríguez, do restaurante que leva o seu nome, tamén un dos máis recoñecidos e con mellor crítica do pobo. «Non é casualidade, senón que están facendo as cousas ben. Eu pensaba que era sentarse e esperar pero as cousas non son así, porque o porto xa estaba aí e non funcionaba nada. Agora hai unha xente nova, con ganas, que se move e que me parece que están empezando a recoller o froito do seu traballo, porque se ve un goteo de xente constante. Incluso no inverno tamén tés dos que se veñen abrigar polo mal tempo», detalla o hostaleiro, que coñece a moita xente con historias curiosas a través do náutico. «Hay unha familia que creo que son irlandeses que deben levar vindo uns 10 anos. Teñen un catamarán enorme e eles tamén son enormes, de dous metros para arriba. Van sempre a Sudáfrica e dunha vez trouxeron a uns amigos que acabaron comprando unha casa en Viseo», relata o hostaleiro, que tamén destaca a presenza non só de turistas, senón de traballadores, xeralmente novos, que levan os barcos desde os estaleiros de Francia ata os seus clientes, tamén en África ou noutras partes do mundo, polo que utilizan Muxía como escala. Ademais, pon o acento en «o kayak, a vela e a todas as actividades que fan» e que, ao seu xuízo, reverten no pobo.

A ese bo ambiente que se xera contorna a Marina Muxía, con trasfega continua de xente e sensación de que o pobo cobra máis vida, tamén pon o acento o axente da Policía Local Manuel Blanco , quen destaca que non lembra «nin unha soa actuación que tiveramos que realizar nin nós nin a Garda Civil no entorno do náutico». Proba de que se trata dun turismo san, de corte familiar, que pouco ten que ver cos disturbios, as molestias para os veciños ou o dano ao medio ambiente.

Desde Cataventos, a empresa que xestiona Marina Muxía en base a un convenio con Portos de Galicia, Marcos Trillo explica que a tempada se está comportando de xeito bastante positivo: «Non podemos dicir aínda o que serán os datos globais a finais de ano, porque se retrasou todo bastante polo mal tempo. Tamén varía duns días a outros, pero cinco-seis barcos novos vainos habendo todos os días». O que máis destaca é que «a xente cada vez queda máis días. A promoción realizada a nivel internacional funciona, isto coñecese máis e os barcos xa veñen con reservas, sabendo o que hai». A maioría dos cruceristas seguen sendo centroeuropeos e, mesmo, cada vez máis do norte do continente. «De Portugal para abaixo si que non vén case ninguén. Estamos moito máis preto de Francia que de Barcelona», engade.

Coas súas 232 prazas, o porto xa se está quedando pequeno e non porque falten amarres, senón porque non se adaptan á demanda. «Ninguén contaba moito con isto, pero os clientes cada vez traen barcos máis grandes, de 13-14 metros, cando hai nada un de 10 xa era grande. Fáltanos sitios para os de 14-16. Incluso cando veñen dous xuntos de 20 ou máis xa temos que dicir que non, porque eses só se poden poñer nas zonas exteriores do martelo», conclúe Trillo, para dar unha idea do que cambiaron unhas instalacións polas que fai un lustro case ninguén daba un duro.