As melloras viarias en Nemiña achegan unha solución ao colapso

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

MUXÍA

ALVELA

O arranque do parque eólico multiplica as obras en marcha nesta contorna muxián

21 novs 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

As obras no concello de Muxía multiplícanse estes días, como noutros moitos municipios da zona, xa que se están empezando a executar plans provinciais e outro tipo de actuacións previstas desde hai meses. Pero é na zona de Nemiña onde cobran un significado particular debido á acumulación de problemas rexistrados durante este verán nos picos de afluencia turística, con caos de tráfico e mesmo sancións por aparcar e acampar en espazos protexidos.

Polo momento, o que se está facendo, segundo explicou onte o alcalde, Félix Porto, son obras municipais de ensanche e mellora nun dos viarios de acceso, coa colocación de bordos, canalizacións e algunhas instalacións de descanso que, como é evidente, non solucionan o fondo da cuestión, pero si supoñen melloras para a contorna.

Respecto das actuacións que se están negociando con Costas, destinadas a regular mellor os espazos de cara ao aluvión estival, Porto sinalou onte que aínda non hai novidades. A liña de traballo pasa por habilitar aparcadoiros dun xeito máis estable -o Concello logrou este ano a cesión dunha leira, pero non logrou o efecto desexado xa que a súa utilización foi mínima- e darlle outra orde á circulación. Mesmo está exposta a posibilidade de peonalizar a contorna máis próxima á praia con acceso só para residentes, algo que tamén xerou xa algunha crítica aínda que non se trate aínda de nada firme.

Paralelamente, na mesma zona empezaron xa as obras do parque eólico que supuxo unha inxección económica moi importante para o Concello vía licencias e outros convenios. Aínda que a montaxe efectiva dos aeroxeradores está previsto cara ao mes de xaneiro, a obra civil xa se atopa en plena execución cunha gran cantidade de maquinaria pesada no lugar.

A estrada de Touriñán, camiño de quedar intransitable

 

 A estrada de Touriñán, conexión principal para Nemiña desde Cee, vai camiño de quedar intransitable. Nalgunhas zonas xa só se pode circular con normalidade por un carril e aínda non hai resposta da Autoridade Portuaria.