Falece un veciño de Malpica de 31 anos nun brutal accidente de tráfico

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

La Voz Carballo

Foi o servizo municipal do lixo o que deu a alerta ao atopar o vehículo esnaquizado nunha leira próxima a unha glorieta

27 jun 2022 . Actualizado ás 01:26 h.

Sergio Collazo Ures, de 31 anos, natural do Vilar, na parroquia de Leiloio, Malpica, faleceu na madrugada deste sábado como consecuencia dun brutal accidente de tráfico.

Sucedeu no punto quilométrico 1 da AC-419, que enlaza a rotonda de Buño (Malpica) con Ponteceso , á altura do lugar de Canta a Ra. Conducía un Audi TT desde Ponteceso e todo indica que o facía a gran velocidade. Antes de chegar a unha glorieta, en dirección a Carballo , freou bruscamente, impactou contra o bordo da rotonda, chocou de fronte contra un talude de metro e medio de alto, virou 180 graos no aire e rematou encaixado contra unha leira, a uns vinte metros da estrada principal. O home pereceu practicamente no acto.

La Voz Carballo

Ata o lugar do accidente acudiron Atestados, Tráfico da Garda Civil da Coruña, bombeiros de Carballo, GES de Ponteceso, Protección Civil e Policía Local de Malpica. Tamén estiveron o alcalde da localidade, Eduardo Parga, o edil de obras, Miguel Fernández e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Alfredo Cañizo.

La Voz Carballo

A alerta deuna o persoal do servizo municipal do lixo sobre as oito da mañá ao ver un vehículo, de cor negra, completamente esnaquizado nunha leira próxima á glorieta.