Pablo Blanco: «Non nos faltou nada para ir a pique»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCIA

Empezou no mar con apenas 15 anos, e non parou, pero agora cun rumbo máis tranquilo

09 oct 2021 . Actualizado ás 20:35 h.

Se alguén quere localizalo en Malpica , mellor que non pregunte polo seu nome de pila, que é Pablo. Hai que facelo por Paul, ou mellor Pol, como o pronuncia todo o mundo e ese é o seu mote identificativo. «Ou me »,u pai estivo en Inglaterra e quería poñerme Paul, pero miña nai non lle deixou. Pero xa me quedou o Paul para sempre, menos cando se enfadaban comigo, que daquela si que era Pablochancea.

Pablo ten 40 anos (41 a semana que vén) e empezou no mar aos 15, a piques dos 16. É quizais da última xeración, ou sin duda das últimas, en ir pescar ao mar sendo practicamente un neno, algo que ocorría en Galicia durante séculos. Fíxoo na Rosalina, o barco paterno. Nunca tivo dúbidas sobre o seu destino laboral. «Nada, eu sempre quixen ir ao mar, era o que me gustaba. Entrei no instituto, e non me ía mal, pero aos poucos meses deixeino. O mar é o que ten, que se che gusta, ben, pero se non, é unha putada», resume. Recoñece que as cousas cambiaron e a mellor. «A tecnoloxía axudou moito. Antes saías e dependías do tempo, podías perder a xornada, pero agora xa tes partes moi bos e xa sabes o que hai», explica. Por iso opina que ahora «traballar no mar xa é case como ir a unha oficina», cos evidentes matices, que non son poucos. «Pero antes, se viña malo, pelexabas igual, e agora polo menos xa non tes que tirar o aparello», asegura. Iso si, considera que tanta electrónica para algúns non é boa sempre, «porque o día que fallan os ordenadores, case non saben saír». A el mesmo pasoulle, cunha avaría informática de dúas semanas, e era a súa nai a que, preocupada, preguntáballe se ía saír igual. «E terei que ir», respondeulle. «Se cadra, en vez de arrimar máis, arrimo menos, pero hai que traballar. A informática no mar axuda moito, pero hai que saber. E eu ademais traballaba moito na zona dos Baixos de Baldaio, e aí si que tes que saber facer algo máis que apartar», lembra. 

Pablo traballou sempre na súa terra, en Malpica . Naceu na zona da Atalaia, o lugar agora no centro urbano que noutros tempos era punto de vixilancia de paso de baleas, e Malpica foi porto baleeiro igual que Caión, algo máis ao leste, ou que Gures, en Cee , ao suroeste. No Rosalina, onde empezou, foise e acabaría volvendo co tempo, e o Charli, dun tío. Ata que, fai uns dous anos, cambiou o rumbo vital e laboral e fíxose botero e navegante de rutas turísticas cara ás Sisargas, as tres illas que marcan o horizonte malpicán. Pasou tan pouco tempo que estraña esas xornadas que foron a súa vida desde adolescente. «Claro que o boto de menos, pero vou pescar ás veces. Non coma antes, agora só como un pescador recreativo máis. Unha robaliza, se cadra un polbo... Non son capaz de deixalo de todo, pero así aínda teño algo de contacto. Nada que ver co de tantos anos, claro».

Bota a vista atrás e lembra algúns momentos de dificultades na auga. «Unha vez tivemos unha vía de auga, e case nos fomos a pique, non lle faltou nada», sinala. Era madrugada, sobre as 3.00, e facía bo tempo. Tocaron nunha pedra, moi arrimados a ela. «Bailamos en riba dela como se fósemos unha pandeireta», di. Non se vía nada. E abriuse un buraco como un puño. Empezou a entrar auga mentres tomaban rumbo a porto, e por amais non funcionaban as bombas de achique: «Estivemos achicando seguido con caldeiros ata que me deron calambres nos brazos». Tiveron sorte de atoparse con dous barcos de cerco, o Santo do Mar e o Adrina. O santo exerceu de tal porque ademais era o seu último día no mar, antes do despezamento. Cada un botoulles un cabo, un a proa e outro a popa, e sostivéronos á boia. Iso si, Pablo tiña xa a auga na cintura. Chegaron con tanta auga ao peirao que os bombeiros tiveron que colaborar no achique. 

Outro día malo foi o que se afundiu o Baía. «Había moi moi mal tempo. Eu puxen o chaleco de tan mal que vin a cousa». Eles tiveron sorte, ao contrario que os seus colegas. Ocorreu fai xa máis de 17 anos.

ANA GARCIA

«O primeiro boteiro que houbo foi meu bisavó, e resulta que agora estou eu»

Pablo Blanco é agora botero, unha especie de taxista do mar que se encarga de trasladar ás tripulacións no peirao, evitando así ter que moverse en pequenas lanchas, e sen molestias nin traballos. Un oficio vello, máis habitual cando as flotas eran moi superiores, pero que segue sendo necesario. El herdouno (comprado) do anterior titular, e de momento mantén o nome da embarcación duns sete metros, Gundín, moi estable e robusta. O curioso do caso é que se decatou non fai moito de que o oficio lle vén de familia. «O primeiro boteiro que houbo aquí, ou polo menos que se sabe, fora un bisavó meu, e agora resulta que o último son eu. Bisavó, ou mesmo tataravó. Cando se retirara, deixáralle a praza a dous ou tres, e foi pasando ao pai do anterior a min. Naqueles anos, os boteiros tiñan ata tres homes con eles».

Ademais dos traslados e de botar a cana algunha vez para lembrar os non tan vellos tempos, Pol encárgase de transportar a quen o desexe ás Sisargas, un turismo mariñeiro en auxe que funciona todo o ano. Non é só trasladar aos clientes á illa, deixalos e regresar a por eles. «A min gústame, e a eles tamén, facer máis cousas. Vou coa xente, explícolles o que ven, as canles entre illas, as pedras, os nomes delas, as marcas da terra, os paxaros... E se queren, tamén unha visita guiada na Sisarga Grande». En Malpica é doado de localizar, outros gardan o contacto dunha viaxe anterior, noutros funciona moi ben o boca a boca... «A xente é moi agradecida», afirma. A todos os avisa do tempo: se é malo, non se sae. Tamén lle gustaría facer o seguimento dun barco pesqueiro, pero tempo ao tempo.