Rosa Quintana anunciou en Malpica axudas por 600.000 euros para as confrarías

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Ana Garcia

A Conselleira do Mar deu a coñecer esta liña desde o depósito da localidade

08 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou onte a lonxa de Malpica para informar dunha liña de axudas dotada con 600.000 euros a confrarías e entidades xestoras de lonxas co obxectivo de paliar a caída de ingresos durante a crise do coronavirus. As contías calcularanse tendo en conta a caída dos ingresos en comparación ao mesmo período do 2019 (14 de marzo a 15 de maio). Consistirá no 70 % das perdas polas tarifas que lle correspondan ás entidades solicitantes pola poxa ou venda no período do estado de alarma, ata un máximo a considerar do 7 %.

Moitas confrarías viron incrementadas as descargas durante ese tempo debido ao aumento da demanda, pero con todo os seus ingresos descenderon debido á caída dos prezos. En Malpica, por exemplo, descargaron un 50 % máis de produto, pero as súas ganancias baixaron máis dun 20 %.

A titular de Mar estivo acompañada por representantes da lonxa e do grupo municipal do Partido Popular.