O cemento desbocado

Paco Cotelo TERRA E XENTE

MALPICA DE BERGANTIÑOS

06 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Alí onde a razón non ten pleno dominio, nace a intuición destapándose ante os buscadores de perigos, sen ser capaces de explicarse por que, nin como se chega a determinadas conclusións.

E esa intuición é a que me fala nestes días de posibles ameazas, de perigos provocados polo temor a que se repitan actuacións que xa teño ollado e sufrido noutros pobos que me roubaron unha parte do corazón. Pobos plantados por Deus e os seus primeiros habitantes nos lugares máis fermosos, prácticos e considerados.

Vilas que viron como, a medida que se asentaban os últimos en chegar, íanlles roubando, espoliándolle aos fundadores, a beleza da que eran posuidores. Así, aconteceron nefastas actuacións urbanísticas sen concerto algún, en case todos os pobos desapegados e indiferentes polo seu futuro.

Actuacións coma a que recordo feita en Malpica, onde os últimos en chegar a cabalo da usura, con carteis anunciadores de progreso e crecemento, principiaron por lle roubar as alegrías ás vistas dos moradores, arrincándolles a ledicia que se anunciaba cando un chegaba ao pobo e o xúbilo que acompañaba a un cando marchaba del. Aquelas edificacións que, plantándose diante, na primeira liña da praia, nos lugares privilexiados, roubaron arrincándolle de callo aos primitivos e as futuras xeracións de poboadores, os soños e as alegrías que se forxaban coas vistas do mar, da praia e das Sisargas.

Non é de xustiza sisarlle á terra a beleza da que dispón o home, para cambiala por moedas. Non é progreso espoliar o esplendor natural da terra (esa riqueza que forma espíritos plenos, ese tesouro que forxa a dignidade de ter raíces), por todos os tesouros que poidan traer alleos.

Non é calidade cambiar a visión da beleza natural por un edificio nos sitios privilexiados dun pobo.

Ese privilexio que nin moito menos é noso, porque lles pertence ás futuras xeracións.

E non debemos permitirlle a ningún espoliador, eses que só buscan forxar cadaleitos de ouro, cativos tiranos escravizados da cobiza ditada polo cemento, cuxo deporte favorito é a compra de vontades; individuos sen amor a nada que non soe a metal, que se camuflan tras da suposta idea de progreso, traballo e desenvolvemento, onde só pretenden espallar a usura que se esconde tralas trampas, mentiras, os enganos e os roubos. Prometen crear riqueza para os nosos fillos e agochan os males que perseguen a eses progresos desbocados sen ética nin alma algunha. Ocultando que os índices de delincuencia, suicidios e desequilibrios mentais son sempre superiores neses mundos que crean. Que as porcentaxes de parados apenas distan dos pobos pequenos aos grandes. Que os prezos da cesta e os impostos sempre acaban multiplicándose, e que a calidade de vida que provocan remata sempre nunhas condicións desastrosas, desquiciantes, desarraigadas e co transcorrer do tempo insoportables para os habitantes dos lugares.

Por iso, considero obriga de pais manterse en alerta, para non permitir que nos volvan a enganar, como fixeron os depravados conquistadores cos indios cando lles cambiaban adobíos baratos polas súas mortes en vida.

Para rematar, permítanme sinalar ao maior dos culpables con este conxuro:

«Mal raio parta por sempre ao elo máis débil e ignorante da cadea de favores, da que dependen os cobizosos creadores do desenvolvemento sen alma».

Futuro si, pero futuro con ética.