O rexedor busca parcelas en Malpica para ampliar as zonas de aparcadoiro

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

Sobre prazos, Walter Pardo mostrouse cauto, xa que algunha das propiedades de interese teñen varios titulares

21 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo Añón, iniciou a procura de parcelas de titularidade privada no centro urbano. O rexedor trata así de conseguir unha solución ao problema crónico de estacionamento, sobre todo na tempada estival: «Miramos dúas parcelas e estamos a falar cos donos para analizar como podemos facer para poñelas ao servizo dos veciños e dos turistas».

Sobre prazos, Walter Pardo mostrouse cauto, xa que algunha das propiedades de interese teñen varios titulares. O que si deixou claro é que a procura de alternativas ao porto é unha das súas grandes premisas deste arranque de mandato. De feito, cando finalice este mes ten previsto manter unha reunión co edil de Tráfico, Alfredo Cañizo, e con axentes da Policía Local para mellorar o tráfico rodado en todo o centro urbano.