Iván Raña: «As festas agora fágoas cando volvo á casa»

Melissa r. suárez CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCIA

A remollo | O triatleta de Ordes estivo por Malpica hai uns días e destaca o lado «salvaxe» das praias da Costa da Morte

19 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Iván Raña Fuentes (Ordes, 1979) deixouse ver o pasado domingo por Malpica con motivo da Travesía Sisargas, proba a nado en augas abertas. Logo de estar na élite do triatlón olímpico durante máis dunha década e cun Campionato do Mundo ás costas (ano 2002), ademais de deixar asombrado ao planeta enteiro ao firmar un dos mellores tempos da historia sobre a larga distancia no ironman de Austria (por debaixo da barreira das oito horas), aos seus 40 anos o galego tómase a vida con máis calma, aínda que coa mesma ilusión e idénticas ganas.

-Como foi a experiencia na distancia curta da travesía malpicá na que acabou como terceiro clasificado?

-Atopeime ben e vin sempre mirando ó horizonte. O que máis me custou foi saír do mar, polas ondas. Acudín porque a organización invitoume e o tempo non estaba moi malo, ademais de para adestrar, aínda que estas pequenas probas serven xa para poñerse a proba, a parte de para gozar, claro. Tiven dúbidas de se finalmente participar, pois o día anterior corrín no rali Botafumeiro, que acabou moi tarde. Pero aínda así, quedoume tempo para saír a correr despois de nadar. Travesías como esta non hai moitas. Ten un compoñente de aventura polo feito de ir en barco. Iso faina especial e case única. Nadar preto de acantilados recordoume a unha travesía que nadei hai máis de vinte anos en Turquía. Devolveume sensacións de cando era rapaz. Hai que seguila facendo.

-Aproveitou o día pola zona?

-Pola tarde achegueime a Razo para correr con meu irmán. Tamén comín un bo churrasco alí con el e con David Castro, un mítico do triatlón galego que ten familia na Silva (Cerceda). Gústame moito esta zona para adestrar. En bici téñoa moi peinada. Ponteceso, Laxe, Mazaricos, Coristanco e Vimianzo son só algúns dos lugares que recorrín moitas veces. O que máis me gusta da Costa da Morte é ese toque salvaxe das praias. O contraste do monte e da praia é brutal. Creo que hai poucos sitios así. Ademais, están pouco explotadas, como o areal da Traba, onde parece que aínda non chegaron os turistas. Poder estar só é un pracer. Relaxa moito.

-Como é un día de adestramento de Iván Raña?

-Agora estou centrado na larga distancia, entón fago un día enteiro de bici, entre catro e sete horas, mais algo de ximnasio. Na xornada seguinte, nado entre 3.000 e 6.000 metros e corro entre 50 minutos e dúas horas, con nova sesión no ximnasio traballando os xeonllos. Tamén lle dedico tempo á oficina, chamando a patrocinadores e mirando o calendario para que todo cadre. Con tantas probas hai que mirar que non coincidan os viaxes!

-Cantas probas fai ao ano agora?

-Este fixen cinco carreiras de bici, tres ironmans, dúas probas de media distancia e unha travesía a nado, ademais de catro ralis. A idade non che marca a competición. Si pode facelo ca recuperación nun momento dado, pero tamén é certo que co tempo aprendes a adestrar mellor, tamén por necesidade: pídecho o corpo. Este ano, na primeira proba, quíxenlle meter moita intensidade e amolei o tendón de Aquiles dereito. Para recuperar, adestrei dous meses. Estou en contacto con xente da miña idade que segue gañando ironmans. Iso anima moito. Mais ben, cando un para de dedicarse a isto profesionalmente con 40-45 anos é porque cambia de inquietude: quere formar unha familia, emprender un negocio....

-Segue sendo o obxectivo principal gañar?

-Non, para min o importante é estar san: aproveitar que o deporte che dá unha calidade de vida moi boa. Se con 40 anos son capaz de facer un ironman quere dicir que estou en perfectas condicións. Pero si que teño as miñas inquietudes, aínda que non coas ansias de cando era máis novo. Agora primo estar ben. O que hai que intentar é que o resultado non che altere a túa forma de ser. Aínda así, sígome quentando bastante [ri].

-Cal será a súa seguinte competición?

-Ao ironman de Hawai [santuario do triatlón con 3,8 quilómetros a nado, 180 en bici e 42 a pé] non vou porque non me clasifiquei. A lesión pasoume factura. Agora quero desconectar das carreiras para a finais de setembro ou principios de outubro empezar con algún ironman. Xa estou mirando unha persoa para que me leve os adestramentos.

Máis de preto

Hai dous anos publicou a súa biografía «Instinto Raña. De incomprendido a pionero del triatlón». É a escritura outra das súas variadas afeccións? Ese libro escribiuno o xornalista catalán Xavier Ensenyat. Eu só lle axudei a recompiar información. Pero si que teño ilusión de facer un libro nun futuro, escrito por min, máis persoal.

Como é a súa alimentación? Intento quitar os procesados e o azucre, excepto o da froita, e tampouco tomo demasiados carbohidratos. Hidrátome tamén todo o que podo. Intento que sexa o máis natural posible.

Mantén a dieta no tempo de ocio? Non lle chamo dieta, pois é unha maneira de comer sempre así que non me supón unha escravitude.

Prefire un bo restaurante ou o mítico bar de tapas e racións? Gústame máis a segunda opción, aínda que ó final vou ós lugares que rexentan os colegas porque é onde hai bo material.

Cociña? Si, ultimamente fago moito ao forno, ben peixe con verduras ou polo, pero non ten moita historia.

Ten algunha viaxe pendente? Ver máis as illas de Hawai, pois cando compito non me paro a observar con detalle.

Están de festas en Ordes. Pasouse por alí? Gústanlle? Sempre me pillan de viaxe, como agora, en Lanzarote. Encántanme porque hai moito ambiente. Pero as festas agora fágoas sempre que volvo á casa cunha tortilla de miña nai.