Auxiliado o único tripulante dun barco de recreo incendiado fronte a Malpica

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

CEDIDO

Salvamento mobilizou Helimer, patrulleiras, Salvamar Betelgeuse e tamén Cruz Vermella

16 jun 2019 . Actualizado ás 23:42 h.

Un home de nacionalidade sueca tivo que ser auxiliado este domingo sobre as tres da tarde, fronte á costa de Malpica, a consecuencia do incendio que sufriu o veleiro no que viaxaba, o Shela, e do que era o único tripulante. Tras dar a voz de alarma, abandonou a embarcación na súa propia lancha auxiliar, segundo informou Salvamento Marítimo, que mobilizou para o rescate un helicóptero, á Salvamar Betelgeuse, ás patrulleiras Río Xallas e Río Andarax e tamén a Cruz Vermella, por mar. En terra, Policía Local e Protección Civil seguían de preto o suceso, do mesmo xeito que os centenares e centenares de persoas que acudiron á romaría de Santo Hadrián, Festa de Interese Turístico, e que desde ese promontorio divisaban a columna de fume negro saíndo do veleiro. Atopábase unhas tres millas mar dentro, entre sete e oito quilómetros. De aí, xa que logo, a elevada alarma levantada.

O tripulante da embarcación de recreo afectada foi trasladado ao porto malpicán e, de aí, a un centro hospitalario, por inhalación de fume. O groso da arboladura do navío sucumbiu ás chamas.

M.R.