Grazas, amigo Andrés

José Pumar Gándara

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Ana Garcia

IN MEMORIAM | Escribe o sacerdote José Pumar Gándara sobre Andrés Mourente, falecido nas últimas horas

08 mares 2019 . Actualizado ás 07:23 h.

Seguiamos con inquietude o curso da enfermidade do amigo Mourente. Lembramos a delicadísima operación á que foi sometido fai uns catro anos, pero, afortunadamente, recuperouse e volveu ás súas ocupacións habituais.

Oriúndo de Mugardos, vila na que se sentía moi orgulloso de haber nado e enaltecíaa coa súa arte como un fillo predilecto, tivo destinos en Ferrol, sendo membro da gran Coral da Bazán, que dirixía o sacerdote Fanego.

Algún tempo permaneceu en Andalucía. Viño a Malpica por razóns familiares e aquí colaborou na promoción cultural da vila. Tanto, que fai uns dous anos rendéuselle unha calorosa homenaxe popular. Porque Andrés Mourente tiña facultades para o teatro, a canción moderna e a poesía. Participou como presidente na Coral de Malpica, creada e fundada polo seu amigo Carlos Fidalgo.

Mourente tivo unha emisión semanal en Radio Voz. O humor, a ironía que el puña na súa presentación, fálannos da facultade de observación que tiña. Captaba as nosas circunstancias do vivir cotián. Todo con respecto e dignidade. Nada soez como ás veces temos que soportar neste xénero de intervencións.

Aos amigos Mourente obsequioulles con inspiradísimos poemas. Os que tivemos a fortuna de que el nos dedicase unha peza, gardámola como ouro en pano. Ultimamente quería el facer provisión dos seus poemas para algunha publicación.

Falaba Mourente da súa familia, satisfeito do progresos das súas fillas ás que visitaba en Nadal. Tiña especiais facultades para a canción española. Lembramos un momento feliz no que nos dedicou algunhas interpretacións.

Acudía a Carballo para participar nos actos litúrxicos da parroquia. Puña neles a súa devoción e sentimento. Porque Mourente era profundamente crente. Un dos seus poemas fálanos de Deus, e nos cartafoles dos seus cantos estaban estampas relixiosas .

Van botarlle moito de menos en Malpica. Dificilmente poderán cubrir o seu oco. En Carballo contaba con bos amigos que lle choramos como na vila mariñeira, onde recibirá cristiá sepultura.

A parroquia de Carballo quere agradecer a súa colaboración e o testemuño que nos lega.

Grazas Andrés, Descansa en Paz.