Novo cheo na cea solidaria contra o cancro de Malpica

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Medio milleiro de persoas asistiron á cita en Cerqueda

19 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Un ano máis, e xa van máis de 20, cumpríronse as altas expectativas da xunta local de Malpica da Asociación Española Contra o Cancro. O sábado, desde as 22.00 horas, celebraron a súa cea solidaria anual no restaurante Aldeola, en Cerqueda. E estiveron arroupados por medio milleiro de persoas. A maioría, como é habitual, foron veciños da vila mariñeira, pero tamén de Carballo e Ponteceso, entre outros municipios lindeiros. O menú, a prezo de 30 euros por persoa, dos que 5 foron de recadación para a xunta local, estivo composto por croquetas e empanada, gambones á prancha, carne de tenreira asada con patacas e torta de chocolate con nata, a maiores de viño, refrescos e café.

A orquestra metrópolis amenizou a velada e, entre medias, realizouse o xa tradicional sorteo, que repartiu máis de medio centenar de premios -cedidos polas empresas do Concello- entre os asistentes. Veciños de Malpica como Isabel, Lolo e Adriana levaron desde tres a cinco agasallos por cabeza de todo tipo: cadros, pezas de cheiraríaa de Buño e cestas de xeles, froitas ou viños foron algúns deles. Ás catro da madrugada rematou a velada, pero non sen antes a xunta local, presidida por Carmen Teresa Blanco , agradecer a todo o público, entre eles o alcalde, Eduardo Parga, e o patrón maior da confraría, Pedro Pérez, a súa participación coa boa causa. Non deron cifras da recadación, pero si expresaron estar moi contentos.

A organización, como unha seda

 

 

Cando se reúne tal cantidade de xente nun mesmo sitio, sempre adoita haber queixas. Pero o sábado non se deu a circunstancia. Excepto o caso dos que non se viron agraciados con ningún agasallo, logo de gastar 50 euros en rifas. Pero sempre con humor.

Unha integrante da xunta local atreveuse a dicir que, de todos os anos que levaban celebrando a gala anual no restaurante Aldeola, este fora o mellor con diferenza en canto á exquisitez da comida.

Os detalles sorteados, do mellor de cada establecemento. O grupo Metrópolis, moi animado. Pero sobre todo, o que importou de verdade foi a compaña. E esa levou un sobresaliente.