«Andando en bicicleta mais remando non hai quen me pille»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Ana Garcia

Aos seus 65 anos, a Antonio Blanco non lle chegan os dedos dunha man para contar os deportes que practica a diario

22 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Costa da Morte esconde nos seus recunchos auténticas historias como a de Antonio Blanco Fontaíña, coñecido como Celtiña. Este veterano mariñeiro malpicán de 65 anos (Atalaia, 1952) vai camiño dos 66, pero, ao contrario do que lle sucede á maioría da xente, os anos non pasan por el. Celtiña é en espírito, axilidade e resistencia un mozo de vinte anos que se pode medir con calquera outro rapaz nos múltiples deportes que practica, pois dedícalle tantas horas diarias a facer exercicio que está en plena forma. O deporte é o seu compañeiro de vida dende que era cativo e seguirao sendo ata que o corpo llo permita. Mítico onde os haxa, a súa historia está chea de anécdotas que convén escoitar.

-Que deportes practica?

-Camiño, corro, ando en bicicleta, boxeo, remo, nado, fago pulsos, saltos, exercicios de ximnasio e tamén de equilibrio, corro para atrás e calquera outra cousa que se me ocorra no momento de estalo practicando.

-Dende cando ten esa afección polo deporte?

-Levoume idea toda a vida. Con 11 anos traballaba de botero. A ansia por remar venme de aí, e a forza, tamén. O que nunca me gustou foi o fútbol. Así é que nos xuntabamos uns cantos e ideábamos todo tipo de xogos. Logo, con 19 anos, cando fixen o servizo militar, metinme a adestrar en saltos, e era moi bo, pero para competir había que ter tarxeta de club e eu carecía diso. Entón, probei o boxeo e encantoume. Pantera Rodríguez e Nino, os boxeadores españois campións de Europa, foron quen me ensinaron.

-Despois desa etapa, que fixo?

- Un montón de aventuras! Un día collín a bicicleta e dixen: marcho para Fisterra! E iso que non sabía o camiño. Tamén teño ido á Coruña andando, correndo ou en bicicleta pola estrada vella, e a Arteixo, Santiago e Carballo. Para min iso non é nada. E agora aínda o sigo facendo. Vou con vaqueiros e zapatos e non súo nin unha gota. De Malpica a Carballo lévame catro horas ir e, ata a Coruña, oito horas e media. Pero o que si que fago todos os días é ir andar a San Adrián mais dende a miña casa de Malpica ata a outra de Cerqueda, facendo exercicios de brazos, cadeira... O coche apenas o uso. Tamén fago moita ximnasia. Teño montado un ximnasio feito por min no ático da casa de Malpica que, como estea alí, boto todo o día dándolle. As pesas, por exemplo, fíxenas cun tubo de aceiro cortado e recheo con chumbo. E cando vou para a outra casa ou incluso de balneario coa muller, levo algún material ou logo busco un espazo que me sirva para facer exercicio, como pode ser o sofá ou as mesitas para facer flexións ou abdominais. Cada lugar para min é un ximnasio, pero un que eu ideo e fago. Nunca fun a un de verdade ademais de na mili.

-Pero cantas horas ao día adestra vostede?

-Tranquilamente catro ou cinco. A miña muller Carmen xa me di: estate un pouco quieto.

-Comentou antes que practica outras disciplinas.

-No verán lévame moita idea ir remando ata as Illas Sisargas nun botiño que teño. Pero o boxeo é o que máis idea me levou sempre. Lévoo na sangue. Na casa teño un saco de coiro onde o practico. Tamén nado, e o que máis se me dá é mergullar debaixo da auga, aínda que é un deporte no que non destaco. O que si que fago e poucos fan é correr para atrás toda a praia Area Maior. Sexa como sexa, gústame competir, porque sei que son capaz.

-Con razón se conserva vostede tan ben. Os anos non pasan polo seu corpo?

-Os exercicios todos fágoos de series de 100, pero este tipo venme de xenética. Se ves o que como, quedas coa boca aberta. Peso 79 kilos e ninguén mos bota. Pode haber xente coa miña idade tan deportista coma min, pero cóntanse cos dedos das mans. Se paro un día, xa o noto. Oxídaste. Tan pronto me levanto da cama xa fago algún exercicio. O deporte é o meu compañeiro de vida.

-Pode vostede competir cun mozo de vinte anos perfectamente.

-Moitos rapaces de Malpica pídenmo. Quérense medir comigo. Andando na bicicleta mais remando non hai quen me pille, nin correndo descalzo polas pedras do Caldeirón. Ás veces veu xente comigo andar en bici e houbo de morrer. Pensei que o dicían de chiste pero era verdade. Facendo pulsos teño gañado a mozos de trinta anos e, incluso, facendo flexións cunha man.

-Nunca se lle deu por competir de maneira oficial?

-Aquí non había nada e moito me pesou. Podía chegar moi alto porque era incansable, e aínda o son a día de hoxe.

-Coa súa idade é un exemplo a seguir, tanto para os novos como para os máis maiores.

-O deporte éo todo e non hai idade. Póla ti. Todo o mundo pode. Se estás cansado tes que pensar que non o estás. A min gústame darlle consellos á xente que está interesada en facer ximnasia. Hai un tempo guiei a un rapaz de Malpica para que adelgazara e está coma un fiúncho agora.

-Os seus fillos saíron igual ca vostede?

-O meu fillo Bruno é a miña calcomanía. Corre 15 kilómetros e fai exercicio en calquera sitio. A filla Nazaré tamén sempre foi moi áxil, e os netos ven e fan.