
O Museo do Mar acollerá dende este domingo 20 de xullo unha exposición con obra de Ana García
18 jul 2025 . Actualizado a las 09:53 h.Chegado o verán e as noites máis cálidas, non son poucos os que se botan ás praias máis resgardadas co ánimo de presenciar ese fenómeno de bioluminiscencia que, de darse, amosa unha máxica cara nocturna da Costa da Morte: o mar de ardora. Ao seu coñecemento ten contribuído e segue contribuíndo o traballo da fotoxornalista de La Voz de Galicia Ana García. A súa obra Mar de ardora, mar de Galicia é todo un referente neste sentido, mais hai outro xeito de achegarse ás súas fotografías. Unha, no Museo Man de Camelle, onde pode verse unha mostra durante todo este mes de xullo. Outra, a partir deste domingo, día 20, no Museo do Mar de Laxe.
O Concello laxense convida a achegarse ás 18.00 horas para mergullarse na beleza: será nese momento cando se inaugure unha mostra de Ana García. «Un espectáculo natural único, captado pola mirada dunha artista que sabe transformar luz en emoción. Non perdas esta oportunidade de descubrir a beleza luminosa das nosas augas, a través da fotografía», publicou o consistorio. Cultura e natureza en estado puro. Acceso libre, proposta para todos os públicos.