Un fogar familiar para nómades dixitais en Laxe: «Queremos que a xente que veña viva a vila»

Pablo Varela Varela
pablo varela CARBALLO / LA VOZ

LAXE

Ana Garcia

Julio e Inés, unha parella da comarca, traballa na posta en marcha dun «co-living» rural orientado ao turismo pausado

03 jul 2023 . Actualizado ás 15:13 h.

Á Costa da Morte, terra de emigrantes, tamén regresan veciños como Julio e Inés para sumar o seu granito de area e que o rural resista. «Estivemos en Inglaterra bastantes anos, e decidimos volver para rehabilitar unha casa familiar en Laxe, para poñer en marcha un co-living orientado a nómadas dixitais», relata Inés, informática de profesión.

A idea xa levaba un tempo roldando a súa cabeza, pero foi na antesala da pandemia, un día antes de que se decretase o confinamento nas Illas Británicas, cando decidiron volver a casa. De inicio, proxectaron que o aloxamento estivese orientado a estancias de verán, pero foi precisamente o impacto do coronavirus, o que variou o seu enfoque. «O bo que temos aquí é o hábito de ir con calma, sen agobios. E pensamos que ter a casa funcionando todo o ano, con tempadas máis largas, pode funcionar», agrega Inés.

Esa filosofía, a de apostar por un turismo máis lento, afastado dos apuros da cidade, plásmaa o nome que escolleron para bautizar o co-living, ISlow. Prevén que estea operativo antes de finais de ano, porque as obras sufriron diversos contratempos: primeiro, por mor das idas e vindas pola situación sanitaria, e, despois, a saturación de encargos que recibiron as empresas construtoras da zona ao recuperar a súa actividade.

A idea de Julio e Inés pasa por traballar un nicho moi específico: as familias con nenos que busquen estancias de varios meses e, ademais, valoren a oportunidade de vivir experiencias inmersivas nas tradicións da comarca. «Non queremos que sexa só un espazo de traballo común, senón que nos gustaría que leven vivencias de aquí. O que espera cando vas a un co-living é facer cousas xuntos», explica.

A casa, situada no lugar do Piñeiro, na parroquia de Serantes, está a menos de dez minutos en coche da praia de Soesto, e a un paso de Laxe. «Queremos que a xente que veña viva o día a día da vila como faríamos os de aquí. Ir con eles a recoller castañas, tamén a apañar patacas...», detalla.

Por agora, e a pesar de que aínda están a ultimar detalles para abrir as portas do aloxamento, xa recibiron sondaxes de varias familias interesadas. «Viñeron un par delas, con rapaces, que buscaban un lugar onde pasar o verán. Tamén unha de Cádiz que quería probar o norte de España. E que veñan pequenos sería bo para o municipio, porque tamén pode abrir unha vía para matricular máis nenos no colexio», valora Inés. 

O traballo en remoto

O concepto de co-living , menos estendido que outros como o co-working, florece moi aos poucos. A flexibilidade co teletrabajo, adoptada por moitas empresas por mor da pandemia, axuda en certa forma a que profesionais que poden realizar as súas funcións en remoto vaian de aquí cara alá, co computador na súa mochila. «Isto tampouco quere dicir que vaian dun lado para outro. Pero eu, por exemplo, traballo como autónoma e fago proxectos para Inglaterra», comenta Inés.