Varios colectores perdidos poñen en risco a navegación na Costa da Morte

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

LAXE

Ana García

Dous deles xa foron recuperados na mañá deste venres por senllos pesqueiros con base en Laxe

17 ene 2020 . Actualizado ás 20:16 h.

Varios colectores, pertencentes a un mercante que transitaba pola Costa da Morte, poñen en xaque a navegación na comarca. Son «tanques flotantes» que un buque perdeu este xoves como consecuencia das adversas condicións climatolóxicas provocadas por Brendan, que deixou refachos no litoral de ata 140 quilómetros por hora en Vimianzo e ondas de 5-6 metros na costa.

Dous destes recipientes metálicos, ocos por dentro e empregados, segundo apuntaron varios expertos, para obra civil, especialmente na construción de pontes, xa foron recuperados na mañá deste venres por senllos pesqueiros con base no porto de Laxe: o Caprichosa e o Villa de Argote.

Sergio Deus é patrón do Caprichosa e explicou os pormenores do rescate: «Iamos pola zona de Cabo de Laxe, preto da praia de Soesto, como a media milla da costa, e atopamos de fronte un contedor flotando. Amarrámolo cos cabos e ou trouxemos a porto. Unha vez dentro chamamos a Salvamento Marítimo para que se faga cargo». Trátase, segundo dixo o patrón do Caprichosa, dun recipiente «duns nove metros de longo e tres de manga».

Máis complicado foi o rescate doutro tanque flotante. Este é máis grande, duns 12 metros de lonxitude, segundo indicou Pablo Barcia, patrón do Villa de Argote, quen relatou o ocorrido: «Estabamos en ruta para Camariñas. Ao chegar aos baixos das Quebrantas, a unhas dúas millas da costa, atopamos algo flotando no mar». Sobre as once da mañá, o patrón do Villa de Argote ordenou lanzar cabos para amarrar o enorme recipiente para ser remolcado. Pero o peso e as dimensións do container e o mar de fondo existente na zona dificultaron as tarefas de avance do pesqueiro: «O barco facíase ingobernable por momentos». Sobre a unha da tarde, dúas horas despois do avistamento, Salvamento Marítimo ordenou ao pesqueiro que deixase arriado o tanque flotador, que o persoal de Salvamento Marítimo xa se encargaría de recuperalo: «Deixámolo arriado na entrada de Camariñas, na ría, nun sitio relativamente tranquilo e resgardado», sinalou Pablo Barcia.

E é que estes colectores supoñen un grave risco para os centenares de pesqueiros con base en Ribeira, O Porto do Son, Portosín, Muros, Fisterra, Muxía, Corcubión, Camariñas, Laxe, Malpica, A Coruña... que utilizan a diario estas augas para faenar: «Chocar contra un contedor coma este e como facelo contra unha rocha», asegurou Sergio Deus, do Caprichosa.

Desde Salvamento Marítimo activouse a alerta por se se produce algún avistamento máis. De feito, outros dous tanques flotantes xa foron localizados no litoral de Laxe, aínda que non foron os únicos. Desde Salvamento Marítimo advírtese aos barcos que transitan pola Costa da Morte que teñan coidado e se localizan algún destes recipientes metálicos trasládese aviso á torre con base en Fisterra.