Un santiagués venceu o Grand Trail costeiro de tres etapas

melissa rodríguez f. r. / CARBALLO / LA VOZ

LAXE

CEDIDA

A modalidade longa continúa ata o venres, con fin no Pindo

18 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Rematou a aventura do Grand Trail Costa da Morte para os participantes da modalidade de tres etapas, con inicio, o pasado sábado en Caión (A Laracha), e remate, o luns, en Laxe. Cen quilómetros nos que o santiagués Pablo Miragaya López, do Club Vía Láctea, proclamouse campión ao gañar todas as probas. A última, desde Ponteceso, con paso por Cabana e Laxe, completouna en 2 horas e 37 minutos. O último corredor en cruzar a meta fíxoo media hora máis tarde.

Foi unha carreira máis rápida, tanto pola climatoloxía, con néboa e temperatura suave, como polo traxecto, de menor dificultade. A Praza do Recheo e a ponte de Ponteceso; o paseo marítimo, o Castro de Borneiro, o Monte Castelo e a praia de Rebordelo de Cabana, e a costa de Laxe foron os lugares destacados do percorrido. Tratouse dunha ruta máis interior, que permitiu que os atletas gozasen doutro tipo de paisaxe.

A entrega dunha medalla de madeira e unha placa de cheiraríaa de Buño nun acto celebrado no pavillón laxense con presenza do alcalde, José Luís Pérez, foi o broche final da cita, que continúa para os participantes da modalidade de sete etapas.

O organizador, o vigués Miguel Bernárdez, falou onte para os micrófonos de Radio Voz Bergantiños, sobre a experiencia que están vivindo estes deportistas de países como Polonia, Rusia ou Estados Unidos: «Están todos perfectamente. Estalles gustando bastante a gastronomía, as paisaxes e a xente». Neste último aspecto incidiu bastante: «Estamos emocionados pola boa acollida que está tendo esta segunda edición. A xente coñece a iniciativa e, incluso, os maiores nos apoian no noso paso polas aldeas».

O día de onte marcou o ecuador do ultratrail coa disputa da cuarta etapa, de Laxe a Camariñas.

Ata o momento, o segundo tramo, entre Malpica e Ponteceso, foi o máis difícil: «A algún levoulle completalo ata once horas. Fixo moita calor e un participante ata sufriu hipotermia polos cambios de temperatura. Pero xa se recuperou ao día seguinte e está desexando volver o ano que vén para rematala experiencia», comentou Miguel.

Hoxe o trail irá de Camariñas a Muxía, case todo o tempo por asfalto. Mañá será de Muxía Fisterra. E xa o venres, tocará a recta final desde o Fin do Mundo ao Pindo, en Carnota. «Esta última etapa vai ser a máis dura porque o total de desnivel da proba acumúlase nese traxecto», asegura o organizador.