Santiago Llovo: Luz para 200 vellas aventuras mariñeiras

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. branco RIBEIRA / LA VOZ

LAXE

cedida

Recolle no seu novo libro naufraxios, ataques de corsarios e outros sucesos acontecidos entre 1748 e 1872 na franxa costeira que se estende entre Laxe e Boiro

24 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

As Protestas de mar eran os informes que, antigamente, redactaban os capitáns declarando os incidentes que tiveran durante a navegación. Todas remataban coa mesma frase final: «Protesto unha, dous, tres e cantas veces faga falta contra o mar e o vento». Estas seis últimas verbas foron as elixidas por Santiago Llovo para titular o seu novo libro. Trátase dun volume que recolle o máis destacado dos case mil documentos que asinaron os responsables das embarcacións a vela que entre 1748 e 1872 percorreron parte da costa galega, desde Laxe ata Boiro, ou aquelas persoas que lograron sobrevivir aos numerosos naufraxios ocorridos nese período. Son historias reais, preto de 200, rescatadas de arquivos e narradas en primeira persoa polos seus protagonistas.

Nesta viaxe que fixo polos arquivos, Santiago Llovo quedou sorprendido, por exemplo, coa gran cantidade de naufraxios ocorridos naquela etapa no litoral ribeirense: «A Costa da Morte levou o nome, pero fronte ás costas de Ribeira houbo moitos máis afundimentos». Tanto é así que non dubida en comparar Corrubedo cunha trampa para ratos: «Cando se levantaba nordeste, moitos barcos fondeaban alí para refuxiarse, pero se o vento cambiaba a sur víanse incapaces de saír. Algúns optaban por botarse á praia para salvar vidas e pertenzas». Lembra, pola súa singularidade, o caso dun barco que saíu de Lisboa rumbo a Setúbal e acabou fundíndose en Corrubedo despois dun mes e medio de travesía descontrolada.

Tamén lle chamou a atención, e así o destaca no libro, a elevada cifra de ataques de piratas que sufrían os veleiros: «Eran habituais os corsarios ingleses e franceses, pero incluso había algún de territorio nacional e con apelidos moi coñecidos, que conseguiron así facer grandes fortunas». Do mesmo xeito, o autor fai referencia aos numerosos capitáns que había na zona: «Nas 980 Protestas de mar coas que traballei, había 57 de Ribeira, o que para min resultou unha sorpresa. Por riba estaba Muros, como era de esperar, e tamén había moitos portugueses».

Unha foto, ou comezo

Santiago Llovo, un compostelán moi vinculado a Muros, tivo a idea de levar a cabo esta investigación alá polo 2012, cando lle estaba dando forma ao seu primeiro libro, Memoria salgada dun pobo: «Estivera vendo en Santiago a exposición de Ruth Matilda Anderson, na que se incluía unha foto antiga de Esteiro, que me levou a empezar unha investigación. E foi nese proceso onde me topei coa primeira Protesta de mar e xa souben que tiña que escribir sobre o tema». Soubo desde o primeiro momento que dera con material moi importante: «O valor que teñen é que son relatos en primeira persoa, narrados polos protagonistas das historias nas 24 horas seguintes ao sinistro. Hai algúns dunha forza brutal, coma o dun capitán que detalla como se lle escapou o seu fillo das mans nun naufraxio».

O autor sostén que o seu libro será unha ferramenta fundamental para a localización ou identificación dos tesouros que agochan os fondos mariños: «Vanse desvelar naufraxios e barcos fundidos que non se coñecían, xa que naqueles informes quedaba reflectido o lugar exacto do suceso e eu recólloo neste libro».

Santiago Llovo confesa ser un apaixonado do mar. Todos os libros que escribiu ata o de agora, media ducia, gardan estreita relación co xigante azul: «Son un autor afeccionado, que escribo para o común dos mortais e o mar sempre está detrás das miñas obras». Aínda que está en pleno proceso de divulgación de Contra o mar e o vento, xa pensa en novas ideas para seguir pola senda literaria: «Cando te pos a remexer en vellos documentos sempre vas atopando datos interesantes. Ideas teño moitas, pero penso que o seguinte libro vai estar relacionado cos capitáns de Muros. A metade dos capitáns que houbo en España durante unha época eran muradáns».

En Ribeira. Santiago Llovo presentará o seu novo libro hoxe, ás 19.00 horas, no centro cultural Lustres Rivas. Asistirán a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o alcalde, Manuel Ruiz.

En Muros. O escritor recalará o venres da vindeira semana na fábrica de Sel (19.30 horas).