As historias de vida e emigración dos irmáns Domínguez Trillo, fisterráns

luís lamela

FISTERRA

GALERÍA DE EMIGRANTES | Amable, Herminia, Josefa, Nazario, Salustiano... estes foron os seus destinos e vivencias

03 oct 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

No 1930 as mulleres representaban o 40 % da inmigración procedente de Galicia, e a pesar do destacado volume, elas son as grandes esquecidas. As procedentes da Costa da Morte traballaron en Arxentina de serventas, de cociñeiras, de coidadoras de nenos, de costureiras, de planchadoras, nas fábricas... Ou como amas de casa coidando aos fillos. A fisterrá Amable Domínguez Trillo foi das que falan as estatísticas. Nada na vila do Santo Cristo no 1900, emigrou para o país do Prata, precisamente naquela mesma década dos anos trinta. E do mesmo xeito que ela, emigraron as súas irmás Herminia e Josefa; e Nazario e Salustiano. De Amable sabemos que estivo casada, pero ignoramos o nome do esposo, aínda que sabemos que o matrimonio deixou cinco fillos, a semente que enraizou, e retroaliméntase actualmente, no país austral. Como a gran maioría de fisterráns emigrados na República Arxentina, esta familia seguramente residiu en Avellaneda, a segunda xeografía humana de Fisterra no mundo. Amable Domínguez Trillo (na imaxe superior, publicada na revista Finisterre) faleceu en 1975.

Pola súa banda, mentres Herminia chegou á Arxentina nos últimos meses de 1927, a súa irmá Josefa arribou con 31 anos a Buenos Aires o 20 de xaneiro de 1933, solteira e con intención de traballar de serventa.

Nazario Domínguez Trillo (segunda imaxe, de pé, á dereita, no lavadoiro do Xurixano-Fisterra), nacido na vila do Cabo en 1898, foi o primeiro da familia que emigrou para a Arxentina para traballar na Marina Mercante, atracando o seu barco con frecuencia no porto de Brooklyn (EE.UU). En 1926 acolleu, xunto co seu irmán Salustiano, á súa nai, Ángela Trillo, que chegou a Buenos Aires no vapor Madrid. Algúns anos máis tarde, nunha das arribadas do vapor no que Nazario era tripulante, quedou en terra en EE.UU. empregándose en diversas tarefas; a última, na construción de ferrocarrís. En 1962 regresou a Fisterra para pasar os últimos días da súa vida ao lado da súa esposa e fillo, Inocente. Nazario faleceu ao ano seguinte da súa chegada, en 1963, aos 65 de idade.