O Fisterra estréase hoxe a domicilio ante o Paiosaco

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

BASILIO BELLO

O equipo local recibirá como público aos socios, de forma limitada

26 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Fisterra xogará hoxe o seu primeiro amigable contra o Paiosaco. Será o segundo derbi da pretemporada e disputarase na Porta Santas, ás 17.00 horas. Tamén aquí se permitirá a entrada ao público. Así o comunicou o club local por sorpresa onte: «Só se permitirá o acceso ó recinto aos socios do Paiosaco ata completar aforo». A apertura de portas será media hora antes, e desde a entidade lembran a obrigatoriedade de usar máscara.

Será o primeiro partido con afección para o Paiosaco. Para o Fisterra será o primeiro contacto en todos os sentidos, incluído coa categoría. Ambos os conxuntos chegan cos persoais practicamente pechados. Este encontro, así como outros que prevén realizar antes do inicio da liga, serviralles, pois, para decantarse por algún dos xogadores que teñen a proba, ademais de para chegar mellor á primeira xornada, o 18 de outubro.

O Fisterra ía realizar a última hora de onte os test serológicos obrigatorios cada 14 días. Con «ilusión e ganas» asume o cadro do Fin do Mundo o choque, ademais de con todos os futbolistas dispoñibles, asegurou o director deportivo, José Manuel Álvarez, O Tolo.

Pola súa banda, o técnico do Paiosaco, Juan Riveiro, asegurou que tratarán de disputar o amigable aprazado o pasado mércores contra o Deportivo de División de Honra Xuvenil a próxima semana.