A Costa da Morte, hai 90 anos

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

DOCUMENTAL

As cámaras do documental «Unha viaxe por Galicia» percorreron parte de de Soneira e Fisterra por un traballo para a Exposición Iberoamericana de Sevilla

03 ene 2020 . Actualizado ás 09:05 h.

Un xeito de recuperar a historia visual máis ou menos recente da Costa da Morte (primeira metade do século pasado) é recorrer aos fotógrafos que se ocuparon dela. A dos locais, sobre todo, como Caamaño de Muxía ou Vidal de Laxe, ou tamén Muñoz de Fisterra, entre outros, pero tamén de fóra: Ruth Matilda Anderson destaca sobre todo, pero hai que citar tamén a viaxeiras como Xeorxiana Goddard King, Edith Wharton (eran escritoras, pero facían fotos), e mesmo a Nina Epton, nos 50, unha xornalista da BBC que non tomaba imaxes, pero deixou un retrato tan minucioso do que viu que permite coñecer algúns detalles mellor que cunha foto.

Fotos, xa que logo, hai onde elixir, pero outra cousa son imaxes, e sobre todo dunha época tan afastada como a de hai 90 anos, en 1929. Dese ano é o documental Unha viaxe por Galicia, rodado por Luis R. Alonso. A película foi un encargo para mostrar na Exposición Iberoamericana de Sevilla, mostrando paisaxes e monumentos representativos das catro provincias, porque ademais quen a pagou foron as catro Deputacións.

DOCUMENTAL

DOCUMENTAL

O traballo era coñecido entre os estudiosos, pero non foi ata 1991 cando o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) restaurouna e deixouna en perfecto estado, tendo en conta, obviamente, que a calidade fílmica de principios de século era a que era. Pasaron varios anos e só se vía en determinadas citas e proxeccións, pero desde hai algún tempo é relativamente sinxelo dar con el, tanto nas redes sociais como sobre todo en Youtube.

A Costa da Morte tamén aparece. Non moito, porque hai bastante que ver (as cidades e os grandes conxuntos levan a maior parte do tempo), pero o suficiente para comprobar como estaban algunhas zonas de Soneira e Fisterra. Case todos son planos fixos, pero nalgún caso móstranse panorámicas. En Vimianzo, os elixidos para mostrar son o castelo (cunha vexetación moi espesa ao seu redor) e as Torres de Cereixo. Na Ponte do Porto, o río, cuberto de árbores en ambas as marxes. En Fisterra, casas da zona da Ribeira, que xa desapareceron, e o castelo de San Carlos, que erroneamente se atribúe a Cee. En Corcubión, unha vista xeral, e no Ézaro, a desembocadura do Xallas e a central do Pindo, xa cos tubos colocados. En Vilán, o faro, pero o director detense máis tempo nas ondas batendo nos cantís inferiores. En Camariñas destaca o gran escudo señorial dunha casa.

DOCUMENTAL

DOCUMENTAL

DOCUMENTAL

DOCUMENTAL