A sexta carreira de Fisterra vai camiño de marca de inscritos

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

JORGE PARRI

Hoxe remata o prazo e os anotados xa superan a cifra do pasado ano

09 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Aínda queda o día de hoxe para anotarse, pero a sexta Carreira Pedestre Concello de Fisterra, que se celebrará este domingo a partir das 10.15 horas desde a lonxa ao faro, vai camiño de marca de inscritos. Á primeira hora da tarde de onte figuraban 868 anotados en Champion Chip Norte, a plataforma web, xunto a correndopolacostadamorte.com, na que os interesados poden anotarse. Esta cifra xa supera a do ano anterior, onde foron 817 atletas os que se apuntaron á cita que, como vén facendo nos últimos anos, marca o fin do Circuíto Correndo pola Costa da Morte. Neste caso, da sexta edición desta iniciativa da que forman parte dez concellos da comarca como son Camariñas, Vimianzo, Mazaricos, Dumbría, Zas, Cee, Muxía, Carnota, Corcubión e Fisterra.

«O ano que máis inscritos houbo foi no 2017 con 917 deportistas, e creemos que imos superalos», comentou a auxiliar de técnico deportivo do Concello de Fisterra, Carmen María Ballón, encargada este ano da organización da carreira. Son moitos sempre os que deixan a inscrición para a última hora. A iso engade a fisterrá o feito de que aínda hoxe se pasará polos distintos centros educativos do municipio para recoller as últimas inscricións dos máis novos. Este ano puxeron a atención nos colexios para fomentar a participación da xente nova, e «funciona», asegurou.

O prazo remata ás 23.59 horas. Onte os anotados repartíanse do seguinte xeito: 342 (306 do circuíto) na 10K; 197 (172 do circuíto) na 3K contra o cancro; 106 (76 do circuíto) en infantil, cadete e xuvenil; 68 (50 do circuíto) en alevín; 63 (37 do circuíto) en benxamín); 91 (non hai circuíto) en pitufos, e unha persoa na fila 0 solidaria.

Nin o cambio de previsión do tempo afectou o ritmo de inscrición. «Agora dan un 90 por cento de choiva pero ata o venres pode cambiar e creo que imos ter sorte», dixo Carmen María. É importante lembrar que en ningunha das anteriores edicións choveu no transcurso das probas.