O Fisterra sacou adiante o choque contra o Cordeiro a pesar das baixas

O Soneira e o Dumbría golearon aos seus rivais, en tanto que o Baio caeu contra o líder


carballo / a voz

A xornada en Primeira Autonómica deixou moi bos resultados para os equipos representantes da Costa, coa excepción do Baio, que caeu a domicilio contra o líder, o Sigüeiro (2-0). Pero como os seus xogadores din con ironía, non van gañar sempre. No que ía de segunda volta ata o domingo, levaban 12 puntos dos 12 posibles. Ademais, que non perderon de calquera forma, senón tras unha primeira parte moi igualada, con ocasións por parte de ambos os equipos, e uns minutos finais de asedio á área rival para intentar remediar os dous goles encaixados no segundo período. E aínda así, mantiveron a cuarta praza da táboa clasificatoria, aínda que agora cunha distancia maior respecto ao terceiro clasificado, o Fisterra, de 6 puntos.

Tamén fixeron moi bo papel os verdes ante o Cordeiro (2-1) pese ata as catro baixas de xogadores importantes como Aarón ou Mackay, por acumulación de cartóns, e de Breixo e Joselu de última hora debido a molestias e motivos persoais, respectivamente. Así é que Anxo López se viu obrigado a convocar a dous xuvenís, Ezequiel e Isaac, que debutaron co primeiro equipo.

Dicía onte o segundo adestrador, Jesús, que é moi difícil que o rival lle dea a volta ao marcador cando o Fisterra empeza gañando. E meu dito meu feito. Aos once minutos do inicio, Pablo Lestón abriu a lata cunha xogada combinativa. E aos cinco minutos da continuación, Roia aumentou a vantaxe cun remate desde o bordo da área tras unha falta sacada desde o seu campo por Julio . O conxunto rival só logrou recortar distancias no último suspiro cun balón colgado na área pequena que co golpeo de Manuel García coouse entre os tres paus.

Foi un partido controlado polos fisterráns en todo momento, aínda que non tan vistoso como de costume para os afeccionados. No segundo período, de feito, o míster aproveitou para dar minutos aos menos habituais. Os da Ara Solis seguen terceiros, coa mesma distancia respecto ao Sigüeiro e ao Flavia, dous e un puntos. Pero os mellores resultados chegaron da man do Dumbría e do Soneira, que con senllas goleadas se colocaron sexto e décimo, respectivamente.

Goleadas

Os de Julián Ferreiro marcáronlle 0 a 5 ao Bertamiráns. Resultou un partido cómodo para os dumbrieses, que sempre foron superiores, sen pasar apuros defensivamente e aproveitando a maioría das ocasións nas que conseguiron chegar á área contraria. Ao descanso ían 0 a 2, e á volta, sentenciaron. Diego Cespón fixo dobrete con dous disparos desde fóra da área. O rival só logrou apertalos durante dez minutos no segundo período.

Pola súa banda, o Soneira completou o mellor partido da tempada como local ante o Piloño (4-1). «Saíunos todo ben e dominamos de principio a final», comentou José Manuel Mouzo, da directiva. Chegaron ao intermedio 2 a 0 e, tras a continuación, Aarón fixo o 3 a 0 ao transformar un penalti causado por un agarrón do porteiro a un vimiancés. O único gol encaixado chegou no minuto 90 ao aproveitar o rexeite dun remate.

Tanto os uns como os outros tiveron nas súas botas un par de ocasións máis para marcar ao longo de todo o encontro. O meta local, Javier Souto, fixo dúas paradones, e o tanto máis vistoso foi o inicial de Fran ao aproveitar un rexeite cun lanzamento desde o bordo da área.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
0 votos
Comentarios

O Fisterra sacou adiante o choque contra o Cordeiro a pesar das baixas