Varias aves petroleadas poñen de manifesto de novo os sentinazos

j. v. lado / t. longueira CEE / LA VOZ

FISTERRA

Recuperan con vida no porto de Fisterra un arao que será tratado en Oleiros

13 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Nin son historias dos tempos do Prestige nin pertencen a outra época na que, supostamente, non existía a conciencia ambiental que se presupón hoxe máis estendida a nivel social. Os sentinazos seguen á orde do día, sen que ninguén poida saber de certo o seu alcance, e de cando en vez deixan visibles algunhas mostras que evidencian a proliferación de desaprensivos no mar.

As costas dá a comarca de Fisterra sacaron á luz nos últimos días varios exemplos: unha gaivota tridáctila (Rissa tridactyla), dúas máis comúns (Larus canus), que apareceron en Lires a semana pasada, e o último exemplo onte en Fisterra; un arao (Uria aalge) que apareceu no porto manchado de chapapote e, xa que logo, imposibilitado para voar.

Exemplar que, polo momento, tivo sorte e emprendeu camiño onte mesmo pola tarde cara ao Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Oleiros, na comarca da Coruña. Segundo explicou o tenente de alcalde fisterrán, Xan Carlos Sar, apenas tardaron unha hora desde a chamada ata que pasaron a recollelo os axentes ambientais da Xunta, que son os que, en colaboración co centro, encárganse habitualmente do traslado deste tipo de animais.

«No porto non había mancha ningunha e, ademais, non é aceite nin gasoil. Vese que é de chapapote», detallou Sar, para dar a entender que non se trata dunha vertedura dos que tamén se producen por parte de embarcacións pequenas na contorna da comarca, senón, con toda probabilidade, o produto do derrame ou a limpeza dos tanques dun buque de maior porte, que son os que, ou ben transportan fuel ou simplemente o utilizan para propulsarse.

O ornitólogo Fernando Pereiras do Cal, afeccionado ao estudo e a divulgación sobre as aves da Costa da Morte, explica que el mesmo tivo ocasión de ver as gaivotas manchadas de Lires e outro compañeiro informoulle da tridáctila tamén afectada. «A maioría das aves do mar, as que chamamos pelágicas aliméntanse nos afloramentos, que é onde xorde máis plancto e micro plancto. Por exemplo na zona do cantil [o límite da plataforma continental, a unhas poucas decenas de millas de terra]. O gasoil e o aceite, relativamente, apenas lles afecta á plumaxe, pero as manchas de fuel si, porque non conseguen despegarllas. Ou ben se posan sobre elas ou se mergullan e, ao saír, quedan impregnados», detalla o especialista.

Pereiras incide en que a gran maioría destas aves seguen aos barcos a partir do sinal que para eles son as gaivotas. Nesta época do ano os arádevos empezan a pasar cara ao sur. «Pódense ver desde Touriñán cuns prismáticos, porque van desde a uns 200 metros ata a 15-20 millas, depende dos ventos. Cando un animal está afectado búscao é refuxio», conclúe para evidenciar que o caso coincide con ese comportamento.

Un cisne cantor e un xabaril, mortos en Mar de Fóra

Se o arao ten moitas posibilidades de salvarse outra ave migratoria recollida tamén onte en Fisterra correu peor sorte. Trátase dun cisne cantor, que estes días foron noticia polo inhabitual de que se acheguen ata a zona, que apareceu morto na praia de Mar de Fóra. Ademais, con varios buracos que, segundo varias testemuñas, poderían corresponderse con impactos de perdigóns, xa que o animal se vía ben alimentado e non parecía enfermo. Por iso é polo que o Concello de Fisterra teña pedido copia da necropsia, porque se se confirma ese extremo pretende pólo en coñecemento da Xunta.

A Pereiras non lle estrañaría que así fose, pero apela á cautela «porque o 30 ou o 40 % destes animais que chegan ata aquí morren, ben porque son xuvenís que se perden ou se separan do grupo, porque rompen unha á...»

A cousa nin sequera queda aí, porque ademais do cisne, no propio areal de Mar de Fóra apareceu tamén morto un animal aínda máis sorprendente neses ambientes, un xabaril.

Ademais, xusto nun momento no que o Concello pretende ter identificadas as datas das batidas para evitar incidentes coas persoas que usan os mesmos espazos para pasear.