A dotación e, sobre todo, o uso dos puntos limpos necesita mellorar

J. V. Lado / T. Longueira CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

ANA GARCIA

Moitos concellos optan xa pola recolleita porta a porta como método máis efectivo

05 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«Era un plástico do silo enterrado no río e tiña uns 70 metros de lonxitude. Eu non vira nunca nada así», lembraba onte o presidente da asociación de pescadores Río e Mar de Baio, David Gómez, sobre o achado realizado durante unha das limpezas no río Grande, que ilustra canto camiño queda aínda por percorrer en canto a xestión de residuos e, particularmente, en dotación e utilización dos puntos limpos. O propio Concello de Zas, como outros moitos, ten un servizo gratuíto de recollida a domicilio que ata este agosto levaba retiradas case sete toneladas, pero, aínda así, por falta de información ou de conciencia, séguense producindo este tipo de atentados ambientais.

Tamén é certo que nas comarcas de Soneira e Fisterra, fóra dos puntos limpos de Vimianzo e Muxía, falta dotacións específicas. De feito, a gran maioría dos municipios optaron pola recolleita porta a porta, gratuíta e planificada. En Camariñas fana todos os venres e mesmo levan pequenas cantidades de cascallo, en Fisterra cada 15 días... Iso si da tan cacareada intención de mancomunar dotacións como esta non hai máis que os anuncios, que xa veñen do ano 2010. Nos tres anos que van de mandato a duras penas conseguiron cambiar os estatutos, como se queixa o tenente de alcalde de Fisterra, Xan Carlos Sar.

Agora ben, si se notan efectos positivos. O concelleiro de Obras de Camariñas di que eles agora o que atopan tirado son, basicamente, cascallos «e non cantidades pequenas, vese ben que é algo planificado».

Pola súa banda, o xefe da Policía Local de Muxía, Manel Blanco , explica que eles tiveron que pór cámaras porque había moita xente -mesmo de fóra do Concello que teñen que pagar unha pequena taxa- que deixaban os residuos fose do recinto a calquera hora, non só ás indicadas. Funcionou, cada vez recíclase máis (algo que tamén se nota nas facturas para o Concello) e agora a principal problemática son os recolectores de chatarra que desarman electrodomésticos levan o que lles interesa e deixan tirados o materiais inservibles.

Na comarca de Bergantiños, todos os concellos teñen punto limpo, coa única excepción de Coristanco. O da Mezquita, en Ponteceso, está xestionado de forma mancomunada por Ponteceso, Cabana, Laxe e Malpica, que se reparten os gastos. En Carballo hai punto limpo desde o 2003 e a súa concesionaria, Urbaser, leva a xestión, cun gasto anual aproximado de 300.000 euros, segundo apuntou o edil de Obras, Luís Lamas. O concelleiro explicou que os cidadáns «pouco a pouco vanse concienciando do seu uso», ademais de que cada vez hai menos «vertedoiros incontrolados en Carballo».

Lamas lembrou que optaron pola man dura cos infractores: «Algúns xa foron identificados e sancionados e, incluso, nalgún caso, hai pena de prisión confirmada polo xuíz».

Na Laracha invisten 32.000 euros ao ano no servizo do punto limpo municipal. E aínda que cada vez é máis usado, nos últimos anos desde o Concello hanse advertido en varias ocasións da retirada de varios puntos de vertedura incontrolados.

En Cerceda, o punto limpo, situado no polígono do Acevedo, é de xestión municipal directa, segundo explicou a edila e tenente de alcalde, María Viqueira: «Temos unha persoa do Concello para eses traballos». A instalación púxose en marcha no 2002 e permanece aberta de luns a venres, de catro a oito da tarde, e os sábados, de dez da mañá a dúas da tarde.

En Coristanco levan 14 anos á espera dun recinto de recollida de voluminosos

Coristanco é o único concello da comarca de Bergantiños que carece deste servizo. De feito, os veciños acumulan xa a friorenta de 14 anos de interminable espera. Sucedeu en xullo do 2004 cando o entón alcalde, Antonio Pensado Plágaro, solicitou á Consellería de Medio Ambiente a construción dunha infraestrutura.

Por aquel entón, tanto Pensado como o edil de Obras, Juan García Velo , iniciaban os trámites ante o departamento da Xunta, dirixido polo popular Agustín Hernández. O Concello estivo varios anos á espera dos permisos. Ante os atrasos na posta en marcha, o entón rexedor habilitou unha especie de recinto provisional de recollida de voluminosos no lugar de Segufe, aínda que tal e como confirmou onte o mandatario, Abraham Gerpe, carece de permisos. Para non deixar sen servizo aos coristanqueses, o Concello asinou un convenio «ventaxoso con Sogama» para a recollida e traslado dos residuos a Cerceda.