Matrículas

FISTERRA

15 ago 2017 . Actualizado ás 23:38 h.

Probablemente algunha vez xa me teña referido á proliferación de coches con matrícula suíza polas estradas da Costa da Morte nos períodos vacacionais. Nada novo, é algo que leva connosco toda a vida. No verán, e no Nadal. Algúns empezamos a coñecer os cantóns helvéticos grazas aos veciños que traían os seus vehículos. Nunha parroquia na que o 80% das casas teñen ou tiveron alguén directamente en Suíza, iso é inevitable. Un deles leva uns 50 anos en Lucerna, así que a LU espertábame sempre curiosidade e fun aprendendo cousas do cantón a base de atlas e de preguntar. Casualidade: xusto ao lado están os dous cantóns que teñen o menos desemprego de Europa, que nunca chega ao 1 %. Unha zona idílica, e non só polo lago ou polos montes.

De ter comentado eses aspectos das matrículas, seguramente tería sido avanzando o seu paulatino descenso, malia o repunte migratorio dos últimos anos. Sería o lóxico: voos dende Basilea, Xenebra ou Zúrich a Galicia que, se se pillan con tempo, saen a bos prezos e impiden botarlle 20 horas ao coche.

Pois non, segue habendo. Case me atrevería a dicir que se ven máis que nos últimos 15 anos. Un dos seus condutores explícame que, por sorprendente que pareza, segue emigrando xente moza a Suíza. Non hai tantos traballos, as restricións son maiores, a competencia para os postos é máis dura, o idioma é case imprescindible, pero aínda así, o goteo continúa. Suíza segue estando aí, cando como cando se collía na AC-552 o Finisterre dos obreiros para ir a Arteixo. O cordón que nos une é intenso, forte. Como é que nunca houbo algún tipo de relacións institucionais?