Luces

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

FISTERRA

07 ago 2017 . Actualizado ás 16:43 h.

Anos atrás, o turismo na Costa da Morte só era paisaxístico. Xa lle gustaría a outros ter o que nós temos, aínda que só fose iso, pero era o que había. Hoxe está potenciado e especializado. Faros, megálitos, gastronomía, praias, O Camiño, surf, portos, esencia rural... Hai unha chea de opcións, non excluíntes, polas que a iniciativa privada (coas evidentes axudas públicas) aposta cada vez máis, seguindo os pasos duns visitantes cada vez máis esixentes e coñecedores do que hai. Quen nolo ía dicir 25 anos atrás. Ou 20. E o que queda por vir.

Se cadra unhas das modalidades futuras de turismo é o das estrelas. Ollar, ver. Gozar do ceo, como se fai en tantos sitios xa. De noite, nos altos. Grandes fotógrafos xa están aproveitando os nosos balcóns para crear imaxes extraordinarias, aproveitando os entornos e os horizontes. E as rutas guiadas do verán teñen cada ano máis adeptos. Ou, polo menos, non baixan.

Non queda nada para a veterana de Dombate. Se cadra faise outra no Monte Neme. Días atrás foi a do Pico de Meda, o gran balcón da Costa da Morte, que nos días claros permite ver funcionar con nitidez os faros das Sisargas e o de Vilán, e con moito máis arco mariño. Pero sobre todo cunha inmensa bóveda celeste sobre Bergantiños, Soneira, Fisterra e Xallas. Na ruta guiada por Jorge Mira, os participantes viron pasar a estación espacial internacional, que a 350 quilómetros parece unha pelotiña branca. Tamén viron satélites, estrelas fugaces, e sobre todo estrelas permanentes, aínda que se cadra algunhas xa desapareceron hai milenios, pero seguen aí brillando como campioas. Non é mal turismo subir aos cumios para ver iso e moito máis.