Dumbría, segundo concello pola cola en Galicia con menor número de casas deshabitadas

La Voz

DUMBRÍA

14 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Un dos datos máis rechamantes da listaxe de vivendas, totais e baleiras, dos concellos galegos, é que Dumbría é o segundo municipio galego pola cola con menor número de deshabitadas. En concreto, vinte, o que supón un 0,7 % do total (son 1.068 as censada). Unha cifra insólita se se analiza o panorama autonómico, pero máis o é o feito de que outro o supera: Dodro, con só o 0,7 %. En concreto, 7 de 1.026.

Só hai en realidade 20 casas sen veciños en Dumbría? Obviamente hai máis, pero non tantas máis, indica o alcalde, José Manuel Pequeno. A maioría, no Ézaro, pero nada que ver co que ocorría hai anos, con máis emigración que agora. Houbo regresos, compras, arranxos... É rara a casa na que non hai polo menos un inquilino, aínda que non sexa todo o ano. En Dumbría non tería sentido nin efectos unha recarga deste tipo, nun municipio que ademais sempre fuxiu da maior parte das taxas e impostos habituais, salvo as ineludibles.

No lado contrario está Carballo, cun parque total de 16.583 vivendas e 3.674 baleiras. Son moitas, pero en termos relativos tampouco tantas, nin sequera entre os cinco primeiros postos da lista comarcal. Outra cousa é o debate sobre a cifra, na que nunca houbo acordo dependendo da fonte: as estimadas á hora de elaborar o PXOM, as que manexaban os servizos municipais no Barómetro que agora xa non se realiza, as do INE ligado ao catastro... É certo que sempre se contan por miles, pero a cantidade exacta (ata oito milleiros, nalgúns rexistros) nunca sido foi consensuada. Fai sete anos, a raíz do inicio do cobro do recibo do lixo a vivendas baleiras, pero habitables, rexistráronse unhas 3.000 altas. Un movemento que xerou non poucas críticas plenarias e dalgúns veciños. Unha vez máis, na cifra global adoitaban equipararse vivendas sen inquilinos habituais a outras con só a estrutura do inmoble. Toda a polémica chegou a finais do 2014, e iso que o cambio de ordenanza xa era de setembro do 2012.

Tras Carballo e A Laracha, os municipios con máis casas e pisos da Costa da Morte son Cee (5.192), Malpica (4.807), Camariñas (4.205) e Vimianzo (3.969). Por amais de Dumbría están Corcubión (1.531), Cabana (2.381) e Zas (2.498).