Losada destaca en Dumbría a aposta eléctrica do Goberno pola comarca

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

DUMBRÍA

ANA GARCIA

O delegado do Goberno participou na homenaxe a Tráfico polo Gran Fondo Ézaro

04 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O delegado do Goberno, Javier Losada, desfíxose onte en eloxios ao Concello de Dumbría e ao seu alcalde, José Manuel Pequeno, durante unha visita á localidade con finalidade dobre: visitar as infraestruturas realizadas na localidade que dependen do Goberno central e asistir ao acto de homenaxe á Garda Civil de Tráfico pola súa contribución ao desenvolvemento do Gran Fondo Ézaro.

Losada, acompañado pola subdelegada Pilar López-Rioboo, explicou que chegou a Dumbría por petición expresa de Pequeno para «coñecer as súas inquietudes, as necesidades que teñen e que o Goberno de España pode solucionar, pero, sobre todo, ver a realidade. Estamos nun municipio magníficamente xestionado; non o digo eu, dixérono os veciños elección tras elección. É un exemplo de infraestruturas e de presenza do Goberno de España en ámbitos moi importantes. Un deles é o de Rede Eléctrica e da capacidade que está tendo este concello de dar soporte para a proxección da enerxía eólica, de enerxías limpas, no que Rede Eléctrica fixo grandes investimentos», destacou.

Referiuse tamén á situación de Ferroatlántica para asegura que o Executivo de Pedro Sánchez está na liña de «facilitar a través do estatuto electrointensivo a actividade de empresas que están radicadas en Dumbría e na zona, para que teñan unha capacidade de produción e uns custos de enerxía adecuados». De feito, recalcou que «unha vez que estea conformado e deixe de estar en funcións», o Goberno ocuparase da aprobación deste estatuto tan reclamado polos grandes consumidores eléctricos.

Ademais, referiuse Losada ás «actuacións que Transición Ecolóxica está a realizar a través da Demarcación de Costas», e á cita do día, que era ese recoñecemento a Tráfico por dar «soporte a unha das probas deportivas de maior éxito e, sobre todo, de maior repercusión internacional que se está realizando aquí», como é o Gran Fondo Ézaro.

Pequeno, pola súa banda, agradeceulle ao delegado a visita e o compromiso do Goberno co progreso e desenvolvemento do municipio e, en xeral, de toda a Costa da Morte, da que destacou «o incrible potencial» que ten en canto ás enerxías renovables.

Momento para a emoción

Onte en Dumbría déronse tamén cita os alcaldes de Muxía e Cee, ademais doutros edís socialistas da zona, o exdirector de Ferroatlántica, Carlos Oliete, distintos cargos de Rede Eléctrica, pero os protagonistas foron os gardas civís de Tráfico, porque como explicou Ezequiel Mosquera, organizador do Gran Fondo Ézaro, «isto funciona grazas a eles». Por iso é polo que no tenente coronel Francisco Javier Molano, en representación de todos recibise unha camisola asinada por Miguel Indurain e asistise ao momento máis emotivo do día. A entrega enmarcado do dorsal 1040 pertencente ao garda Tirso Pedrido Fernández, falecido días antes de poder participar na proba.