O Mazaricos golea ao Dumbría no segundo derbi comarcal

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

JORGE PARRI

Baio e Caión venceron aos pechacancelas de Primeira Galicia

19 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Dous derbis comarcais houbo na undécima xornada do Grupo Santiago-Á conta de Primeira Galicia. Ambos demostraron, unha vez máis, que nestes partidos de máxima rivalidade de nada serve a posición na clasificación senón a concentración e a intensidade postas sobre o campo máis que nunca.

O que se adiantou ao sábado, o Soneira-Tordoia, foi un partido vivo ata o final: 5-4, co último tanto do visitante Alejandro Estévez no minuto 90. O disputado na Peña do Ouro entre o Mazaricos e o Dumbría, en cambio, tivo unha clara cor local. Quedou sentenciado o primeiro período con tres goles a cero. Ismael Pedrosa fixo dobrete nos minutos 24 e 43, e Sergio Barbeira marcou o definitivo no tempo engadido.

Doutra banda, Baio e Club do Mar de Caión xogaron contra os pechacancelas do grupo costeiro-santiagués e da Coruña-Ferrol, o Val do Ulla e o Abellá. Como se agardaba a priori, venceron, aínda que no caso do equipo branquiazul, fíxoo pola mínima: 1-2. Bieito foi protagonista cun dobrete nos minutos 2 e 69, e o rival só foi capaz de recortar distancias de penalti no 71. Pola súa banda, o conxunto larachés impúxose ao de Frades por 3 a 1. Cristian Quintáns tamén asinou un dobrete inicial cumprida a primeira media hora de choque. O adversario marcou desde os once metros no minuto 64, e Aarón Álvarez sentenciou o duelo no 73.

Con estes resultados, o Soneira segue líder do seu grupo, con catro puntos de vantaxe respecto ao segundo clasificado, O Pino, e Baio e Dumbría continúan sexto e sétimo, respectivamente. O Club do Mar de Caión segue escalando posicións e sitúase na zona media da súa táboa.