Iago Canosa e Jorge Quintáns teñen opcións de entrar no equipo nacional de Slalom

La Voz CEE

DUMBRÍA

Os padeeiros do Piragüismo Dumbría compiten na Copa Pireneos

18 abr 2019 . Actualizado ás 16:58 h.

Os padeeiros do CDM Piragüismo Dumbría Iago Canosa e Jorge Quintáns realizaron unha meritoria actuación na Copa Pireneos de slalom que se disputa na Seu dÙrgel que lles mantén con opcións de formar parte do equipo nacional que disputará na campionato do mundo nesa mesma sede.

Canosa conseguiu clasificarse coa súa primeira baixada, sen necesidade de acudir á repesca nunha proba de altísimo nivel, xa que puntúa para o ránking mundial ICF e moitos equipos nacionais están a probarse xa de cara ao campionato mundial. Acabou no vixésimo posto final.

Quintáns non logrou pasar o corte pero si conseguiu praza para participar nos selectivos para formar o equipo nacional, co que o Dumbría terá a dous representantes entre os oito que aspiran a estar no equipo español, Canosa en sub 23 e Quintáns en sub 18.

Non tivo tanta sorte Lorena Canosa, que envorcou na primeira baixada e perdeu todas as opcións, aínda que si estará nos campionatos de España de agosto. Marcos Sánchez, o cuarto representante da expedición dumbriesa non acudía con máis expectativa que a de probar a canle da Seu, gozar da experiencia e aprender para futuras competicións, como explica o seu adestrador, Quique Portela.