Onde está a mellor iluminación do Nadal?

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

Este ano, as luces deron un salto de calidade. Nuns casos tirando de diñeiro, e noutros, de maña

11 dic 2018 . Actualizado ás 22:05 h.

Aínda que é imposible contentar a todos, este ano as luces e decorados do Nadal da comarca, en xeral, deron un salto de calidade e estética importantes. Aínda que non se poden comparar municipios, pode dicirse que a maioría se esforzaron para lucir mellor nestas festas. Desde Dumbría, que segue o ronsel de anos anteriores, botando man dos traballadores locais e apostando pola orixinalidade en todas as súas parroquias, ata Carballo, onde máis se inviste por motivos evidentes, e cun centro urbano que quedou especialmente luminoso e distinto, moi rechamante, mellor que outras veces. De Dumbría destacan os adornos do Ézaro (o golfiño volve estar silueteado de azul), das contornas das igrexas e da fachada do centro de saúde, pola súa localización estratéxica, a modo de praza. Tamén en Cee hai máis cor no centro. En Vimianzo aumentaron o tamaño da árbore da praza, ademais de acender a fachada da casa consistorial, e os motivos da avenida de Fisterra son novos.

En Muxía o que máis destaca é que foi o primeiro municipio da zona (e dos primeiros de Galicia) en dar ao interruptor, a finais de novembro. En Camariñas houbo a maiores unha festa musical e veciñal, na praza. En Ponteceso este ano apostaron ao grande, con iluminación en todas as parroquias e nalgunhas (Ponteceso, Corme e Pazos polo menos) hai árbores de luz nas prazas. En Corme colocaron uns renos que chaman a atención. En Malpica dos adornos da árbore da praza encárganse (de feito aínda os están elaborando ou a punto) os nenos das distintas parroquias nos obradoiros que xa empezaron a semana pasada, e que decorarán o día 21.

A maiores do que fan os concellos, tamén hai que destacar o traballo de particulares que decoran as súas casas como sui fosen árbores, con cintas e luces por todas partes. Hai moitos exemplos. En Vivente, por exemplo, existe un digno de ver.