«As estradas veñen de camiños para carros e hoxe teñen outras necesidades»

Juan Ventura Lado Alvela
j. v. lado CEE / LA VOZ

DUMBRÍA

SANTI GARRIDO

O novo presidente provincial do PSdeG ten os proxectos de mobilidade como metas fundamentais na Deputación

14 ene 2018 . Actualizado ás 22:14 h.

O alcalde de Dumbría, responsable de Vías e Obras na Deputación e, dende onte, presidente do PSdeG coruñés, José Manuel Pequeño Castro (A Ameixenda, 1955), analiza as necesidades e os logros acadados no departamento que dirixe do goberno provincial.

-En qué situación se atopan as estradas provinciais?

-Unha rede de 2.000 quilómetros na que máis do 65 % son de rego asfáltico e máis da metade teñen unha anchura menor a cinco metros xera un serie de necesidades. Necesita moita inversión, iso está claro, pero sempre houbo un recoñecemento xeral á boa actuación da Deputación. Non son estradas de moito traxecto, só hai cinco que son eixes fundamentais como pode ser Dumbría-Serra de Outes, a de Ordes, a de Carballo a Santiago... O resto dan un acceso determinado a núcleos convencionais, pero a xente sempre viu que as estradas da Deputación teñen un plus de coidado un pouco superior ao resto.

-Que necesidades teñen?

-O que se está pretendendo é telas o mellor conservadas posibles e conseguir eses anchos de ata sete metros. Transformáronse en estradas camiños antigos que estaban pensados para camiñar, para ir un carro de vacas ou equipamentos agrícolas de épocas anteriores, que agora precisan outro tratamento.. Pasamos en eses dous anos e pico ao redor de 50 millóns de euros entre conservación e obras. É unha das etapas de máis inversión destes últimos sete-oito anos. Aproximadamente levamos cinco millóns en sendas, seis millóns e medio en facer travesías. Todo iso é un esforzo económico moi potente ao que temos que engadir outros proxectos en marcha, como é tratar de conseguir fondos europeos para o proxecto de mobilidade ciclista. Temos tres grandes proxectos, o da área metropolitana da Coruña, onde se queren construír 30 quilómetros, cunha inversión de 2,5 millóns. Outra área que nos afecta bastante a nós como é o acceso aos faros, con cinco millóns en vías ciclistas e tamén a senda verde de Cerceda usando a vía do tren antiga, que xa saíu a licitación e os outros van saír nestes días.

-Ten algún punto negro ou proxecto que lle reclamen especialmente, como o de A Ponte Olveira?

-Nós vemos como o máis urxente o da ponte de A Ponte Olveira, como un caso xa de supernecesidade. Se patrimonio do Xacobeo non se dá conta é lamentable, pero hai casos que se no momento se dá a necesidade actúase. Hai un equipo técnico moi bo na Deputación, dende o servizo de vixilancia e os auxiliares ata os técnicos medios e superiores, os administrativos... que están sempre pendentes. Vías e Obras non é só facer e arranxar estradas. Hai todo un traballo de autorizacións, permisos, informes e de verdade hai que resaltar o gran esforzo e o compromiso que teñen. Case é como algo persoal sacar os proxectos adiante. Estou superencantado, porque hai que darse conta de se trata dunha das redes de estradas máis grandes de España.

-Quizais un dos grandes retos sexa recuperar espazo para a xente, sitios polos que andar.

-Iso é o que poñemos de menos a xente que vivimos no rural. Sempre houbo un maior número de actuacións nas zonas urbanas e periféricas das grandes cidades, porque, sexamos claros, non é o mesmo a Administración de hoxe que a que había antes. Antes para facer un proxecto dunha estrada había un desprazamento. Mesmo nos custaba a nós levar os nosos enfermos aos hospitais. Así se entende que haxa zonas como a Costa da Morte ou Ortegal con máis carencias de estradas provinciais. Só hai dous concellos sen ningunha e son Fisterra e Carnota e outros dous sen vías provinciais na capital municipal: Cee e Vimianzo.

«Menos burocracia autonómica fai máis concello»

 

 

Pequeño incide na maioría de idade dos concellos para facelos responsables da súa planificación.

-A principal decisión do goberno foi dar máis fondos aos concellos?

-Xa o dixen máis veces na Voz de Galicia, unha máxima dun arquitecto moi famoso: ‘menos é máis’. Menos burocracia autonómica fai máis concello. Con menos Deputación temos que fai máis concello tamén. E menos centralización temos máis participación cidadá. Creo que esa é o labor e a actuación do equipo de goberno da Deputación nestes momentos está facendo un labor moi importante no sentido de que os concellos son maiores e poden tomar as súas decisións. Hai que facelos responsables. Somos moitos concellos, e neles inclúo a Dumbría, que temos capacidade para planificar e proxectar o futuro da nosa xente. Para min é un dos grandes éxitos. Cada un ten unha diversidade, uns valores e unhas fortalezas. Non ten porque ser igual a planificación de Dumbría que a de Cee ou a de Arteixo.

-Bota de menos unha actitude parecida por parte da Xunta?

-Creo que deberían de facer un cambio. Estes días está saíndo o plan eólico polo que a Xunta recibe unha cantidade de diñeiro. Repartíase o 25 % aos concellos afectados. Nestes últimos 10 anos o único que se está a facer é reducir esas cantidades. Non é entendible que o goberno de todos os galegos estea esquilmando e poño un exemplo. A xunta recibe todos os anos medio millón de euros de canon polos embalses do Xallas e os concellos non vemos nin un euro.

-Por qué se pon nas mans da Deputación o Gran Fondo Ézaro?

-Non está nas mans da Deputación, está na Consellería de Deportes, hai unha serie de colaboradores e é xa un nivel internacional que dende os concellos non somos capaces de xestionar. É algo moi importante que ademais transmite imaxe da Costa da Morte. A Deputación préstanos esa posibilidade de presentalo nunha das feiras de turismo máis importantes do mundo e iso marca un antes e un despois. Se antes era un proba galega agora lanzámola a nivel internacional.