A Fundación Princesa de Xirona elixe dúas CRA da Costa da Morte para o seu programa de formación de mestres

C.V.G. CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

Futuros docentes fan prácticas en centros educativos rurais de Ponteceso e Coristanco

13 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Once futuros docentes están desde febreiro realizando as súas prácticas en catro CRA de Galicia, dous deles na Costa da Morte. Son unha terceira parte dos estudantes bolseiros pola Fundación Princesa de Xirona, que presiden o Rey Felipe e a súa filla Leonor, na primeira edición dun programa de transformación educativa que leva o título de Xeración Docentes. A responsable, Sandra Camós, estivo onte en Ponteceso e Coristanco, coñecendo de preto o traballo que se realiza nas escolas e a aprendizaxe dos bolseiros adscritos a elas, que proceden de toda España.

O percorrido iniciouse en Talo e Xornes, do CRA Nosa Señora do Faro, e concluíu na Feiranova e Xaviña, do CRA Coristanco-Santa Comba.

Ademais de en Galicia, os que estudaron o grao de mestre de infantil e primaria e foron seleccionados pola Fundación, están en Aragón e Estremadura, onde tamén se dan grupos multigrado, que é unha das cuestións que máis interesa para o desenvolvemento do programa, centrado na aprendizaxe dos alumnos, que deberán realizar o seu traballo de fin de grao precisamente sobre temas relacionados coa escola rural.

«O gran reto é pór en valor a escola rural»

Para Sandra Camós, a aprendizaxe que para un mestre supón unha escola rural, na que hai nenos de distintas idades e nas que os pais se implican directamente, é enorme, e iso é o que valoraron á hora de elixir os CRA. Destacou ademais que moitos dos alumnos nunca tiveron acceso a este tipo de institucións, polo que, para os futuros docentes, a experiencia será inesquecible. Con todo, recoñece que o modelo se está rematando por mor do despoboamento e que un dos obxectivos do programa é tamén «pór en valor a escola rural». Ese é, segundo asegura, é o gran reto.

Ana Garcia

Destacou ademais que nas prácticas, que acabarán en xuño, deuse aos bolseiros moita liberdade para que cada un deles desenvolva o seu programa e que o que máis chamou a atención é que as propostas que se realizan nestes centros «son reais, non de postureo».

É a primeira visita que a responsable do programa fai á zona, pola pandemia. Sandra Camós dixo que a experiencia pedagóxica está a ser «inesquecible» para os estudantes.